1ª Galicia: Os 3 de arriba vs Os 3 de abaixo

Vista Alegre e Soneira no Municipal de VImianzo

Volveu evidenciar esta 26ª xornada o estado dos nosos 6 equipos na 1ª Galicia. Os 3 que están na zona alta gañaron, e os 3 que pelexan por non descender, perderon.

Por arriba, Dumbría e Xallas manteñen a súa loita pola 4ª praza, empatados con 50 puntos e a só 1 do Flavia. O Soneira queda con 46.

Por abaixo, a loita por evitar as 3 prazas de descenso directo e os máis que posibles 2 arrastres de Preferente. Nestes momentos, con eses 5 hipotéticos descensos, caerían os 3 equipos. En calquera caso, e se ben a situación de Baio e Mazaricos está complicada (están a 6 e 4 puntos do grupo de salvación) a Esteirana está a apenas 2 puntos do 11º.

 

Cruces - Xallas (1-3)

  • Xallas: Iván Couto, Aitor, Caneda, Rubén Sande, Samuel, Brais, Fidi, Colón, Stefan, Capelo, Juan de Selia. Tamén: Íker, Doro, Carlos Rieiro, Sergio Barbeira e Ángel.
  • Goles: 1-0, m.14: Juan de Selia; 0-2, m.62: Colón de penalti; 1-2, m.63; 1-3, m.89: Carlos Rieiro.

Comezaba o Cruces ben metido atrás esperando erros na saída do balón. Pero os de Adrián non sufrían, sacaban a pelota limpia e cando conectaban por dentro con Capelo e Stefan era sinónimo de perigo. Así marcaba Juan de Selia aos 15 minutos. Puido caer algún máis nun primeiro tempo controlado polos verdes.

Pero nos 5-10 minutos á saída do descanso, saíron fortes os locais e fixeron que os xalleiros se metesen na súa área, colgando numerosos balóns. Rompía o Xallas esa dinámica, e conseguía achegarse á área rival, e pronto conseguía un penalti por unhas mans, que transformaba Colón. E cando parecía que a cousa estaba encamiñada, case na xogada seguinte os locais facían o 1-2, polo aínda tocou sufrir, xa que en calquera opción a balón parado facían perigo. Tivo algunha contra o cadro xalleiro pero non foi ata practicamente a última xogada, xa co porteiro mesmo subindo a rematar, cando Carlos Rieiro sentenciaba á contra.

 

Tordoia - Dumbría (2-3)

  • Dumbría: Anxo, Yerva, Pablo Paz, Raúl Añón, Kanario, Brais Fdez. (Dani Chao), Lucas, Mario (Sendón), Darío, Diego Estévez (Fabio) e Xabi Castro (Rivi).
  • Goles: 0-1, m.1: Estévez; 1-1, m.19: Seoane; 1-2, m.51: Estévez; 1-3, m.77: Estévez; 2-3, m.86: Denis.

Vendeu cara a súa pel o Tordoia de Nando Muíño ante un Dumbría moi firme e serio que contou ademais cun entonado Diego Estévez facendo, outra vez, un triplete que o afianza no alto da táboa de goleadores, con 24 tantos (polos 18 do soneirán Javito).
Xa marcaba nada máis comezar o fisterrán, pero o Tordoia facía dano, sobre todo a balón parado. Así chegaba o empate aos 20 minutos, e ata o descanso houbo un tempo de control inerte por parte dos de Pablo Conde.

Saíron unha marcha máis os dumbrieses na segunda, pronto Estévez fixo un tanto, fixo o segundo, e mesmo o cadro visitante puido facer doius tantos máis. Pero o Tordoia non se deu por vencido e pouco a pouco foi metendo, a base de empurre, ao Dumbría na súa área. Primeiro mandaron un balón ao pau, e a 5 do final, Denis metía o 2-3. O choque acabou co equipo local colgando balóns coa incerteza de que o empate, e non sería a primeira vez, podería chegar en calquera xogada, pero os dumbrieses aguantaron e sumaron 3 importantes puntos para manterse na loita pola promoción.

 

Soneira - Vista Alegre (2-1)

  • Soneira: Coke, Darío, Fabián, Pichi, Brais Pereira, Gesto, De la Sierra, Borja Gándara, Maky, Basti, Javito. Tamén: Javi Souto, Cristian, Richi e Dani Bea.
  • Goles: 0-1, m.14; 1-1, m.53: Javito; 21-1, m.69: Javito.

Safou o Soneira un partido sen alma nin intensidade ante o pechacancelas, malia estar sen os 3 centrais (Aarón, Mayor e Ángel), e continuar sen Álex Figueiras nin Quilmes, e con varios tocados como Richi ou Darío. Así, cun plantel de 17 Pedro Gómez fai “majas” para xuntar unha convocatoria. E a chegada do último da táboa non xeraba demasiada expectación. Así se aproveitaba o cadro santiagués que se adiantaba ao cuarto de hora. De aí ao descanso o mellor xogador do Soneira foi o porteiro Coke, con iso xa se di todo.

Cambiou o conto na segunda. Malia non xerar demasiadas ocasións o equipo estivo moito máis compacto, minimizando ao rival. E apareceu a figura de Javito para salvar 3 puntos que os manteñen con opcións de loitar pola promoción.

 

Agolada - Baio (2-1)

  • Baio: Buguy, Pablo Rod., Iván, Pablo Dom., Peke, Pazos, Norberto, Aitor, Santiso, Braian, Josiño. Tamén: Iván Fraga, Hugo, Bieito, Ceide e Sergio.
  • Goles: 0-1, m.35: Pazos; 1-1, m.75: Cristian; 1-2, m.80: Nico Dasilva.

Deixou escapar 3 puntos vitais o Baio en Agolada. O cadro de Félix saía moi ordeado e sen conceder, montando boas contras e correndo ó espacio. Así conseguía adiantarse no marcador 0-1 obra de Pazos tras bo centro de Braian pola esquerda.

Non variou o guión na segunda, se ben as contras non eran tan áxiles nin profundas, e o xogo desenvolvíase en campo baiés. Pouco a pouco o cadro local envorcaba o partido cara a meta de Buguy e segundo a dinámica negativa de todo o curso, o Agolada era quen de darlle a volta ao marcador en dous desaxustes que castigan en exceso aos baieses.

Así e todo o míster Félix agradece e valora a “predisposicion e compromiso dos meus muñecos”, xa que varios, como Norberto, Pablo Domínguez ou Bieito, estaban tocados pero “non escatiman no esforzo e sempre a disposicion de sumar”.

 

Puebla - Mazaricos (7-3)

  • Mazaricos: Brais, Borja, Carreira, Pose, David, Brais Canosa, Pereiro, Marcos, Kevin, Guille Botas, Molinos. Tamén: David Lado, Iago e Pablo Losada.
  • Goles: 1-0, m.17: Bendaña de penalti; 2-0, m.17: Alex Pérez; 3-0, m.19: Parga; 4-0, m.23: Marcos; 4-1, m.51: Marcos; 4-2, m.52: Marcos; 4-3, m.55: Kevin de penalti; 5-3, m.66: Álex Pérez; 6-3, m.69: Esono; 7-3, m.74: Álex Pérez.

Partido de tolos no Pobra. O cadro de Marcos saía dumindo e recibía 4 tantos en apenas 20 minutos. Os locais baixan o pistón e os amarelos conseguían comezar a traspasar a liña do mediocampo, e xa avisaron con dúas ocasións.

Conseguiu levantar o ánimo dos xogadores no descanso o míster e en apenas 10 minutos o partido colocábase 4-3. Aí houbo 10 minutos nos que puido caer o empate, pero unha contra remachada por Álex Pérez, que xunto con Bendaña demostraron ser xogadores doutra categoría, finiquitaban o partido.

 

Cordeiro - Esteirana (1-0)

  • Esteirana: MJ, Simón, Code, Tobío, Adrián Louro, Adrián Abelleira, Pablo Rama, Alex Rama, Elías, Oli e Rober Pladur. Tamén: Kevin, Damián, Pachi, Brais e Raúl.
  • Gol: 1-0, m.90: Magariños.

Un gol sobre o pitido final arrincou un máis que merecido punto ao esteiránsque valería a día de hoxe ata 2 posicións. O dominio do balón foi do Cordeiro, pero na primeira parte non houbo moitas ocasións máis que unha clara nun remate á saída dunha falta.

Abriuse o partido na segunda, na que apareceu un MJ estelar, que demostrou unha vez mais que é un dos mellores porteiros da categoría. Tivo tamén o cadro de Geno algunha boa, como un man a man de Róber Pladur que se foi o pau; ou un centro de Pacho que Brais non foi quen de rematar.

E xa cando se contaba co reparto de puntos, o tanto local (en posición dubidosa, ademais, do xogador que centra) deixa moito tocados a uns blaugranas que fixeron un gran traballo defensivo durante todo o partido.

 

Máis crónicas da 1ª Galicia

As táboas en www.futboldacosta.com