1ª Galicia: Só o Mazaricos salva unha xornada mala para os nosos

Choque entre Volantes e Soneira-Foto-Adriana Fdez.

Arrasa o Negreira aló por onde vai, cunha solvencia espectacular, e desta volta pasou no Conco. Por detrás nó aguanta o ritmo o Tordoia de Dani Calvete, que venceu ao Baio aproveitando o seu baixón na segunda metade; e un Mazaricos que segue sorprendendo a todos e tamén foi capaz de gañar no Cairo.
Polo demais, a xornada foi mala para o Ponteceso, que perdeu con claridade un partido ante un rival directo da parte baixa, e o empate entre Volantes e Soneira que de pouco lles vale.  

Volantes - Soneira (1-1)

  • Volantes: Alex de Yi, Oscar Rey, David Pais, Pablo, Miguel da Corocha, Toni, Mateo, Santi, Pardelo, Pesco, Alex. Tamén: Alex Figueiras, Isma, Nacho, Riki e Kevin Lariño.
  • Soneira: Javi Souto, Brais Mouzo, Iván, Pichi, De la Sierra, Brais Pereira, Agra, Diego Lois, Alex Figueiras, Basti, Javi Souto. Tamén: Darío, Ángel, Dani Casal, Damián e Joel.
  • Goles: 1-0,m .67: Alex a centro de Pardelo; 1-1, m.87: Pichi.


Un minuto de silencio polo pasamento do mítico siareiro local Pepe do Canuto

Primeira metade moi igualada, moi competida, con moita intensidade e chegadas, sen demasiada claridade, nas dúas áreas. O Soneira tiña algo máis o balón pero o Volantes estaba afiado nas contras. Houbo dous paus, un para cada equipo, de Pichi para o Soneira e Toni para o Volantes.

Na segunda o choque seguía con alternativas, e cando o Soneira estaba algo máis entonado, unha entrada por banda de Pardelo acaba co gol inicial de Alex. O Soneira tardou en espertar do golpe pero foise estirando con defensa de 3, e tivo ocasións para empatar. Ata que a falta de 3 minutos, cando o partido esmorecía, nunha xogada algo embarullada empataba Pichi para os soneiráns. Antes o Volantes pedira un penalti, pero o Soneira tamén viu un claro ao seu favor que o colexiado non sinalou. Contra o final añinda tería o Soneira un 3 contra 1 para levar o partido pero ao final xusto empate no Eleuterio.

 

Pesco controla o balón diante de Alex Figueiras

Dumbría - Negreira (0-2)

  • Dumbría: Anxo, Mataso, Pablo Paz, Kanario, Sendón (Matías), Baba (Lucas), Xaco, Brais Fdez (Raúl), Mario, Darío e Alfredo (Yuyo).
  • Negreira: Dacuña, Juan, Sanín, Jose Caamaño; Marcos García, Jacobo, Brais, Juan D., Piki, Gonzalo e Berto. Tamén: Cabanal, Uxío, Berdullas, Julián e Miler.
  • Goles: 0-1, m.6: Gonzalo; 0-2, m.50: Marcos García.

Segue o Negreira pasando o rodillo pola categoría, e amosándose de novo superior ao Dumbría en todas as facetas do xogo. Dous tantos aos comezos de cada tempo, un do potente e versátil dianteiro Gonzalo, e outro do 4x4 Marcos García, foron suficientes para levar o partido e seguir con 23 goles a favor e só 3 en contra no alto da táboa.

 

Corme - Mazaricos (2-3)

  • Corme: Suso, Jesús, Pandi, Aitor, Eloy; Brais Torrado, Sergio Sueiro, Adrián Doldán, Lucas, Samu Costa e Alejo. Tamén: Illote, Brais Pombo, Diego, Borja e Josiño.
  • Mazaricos: Iván Baña, Oscarín, Sueiro, Marcos, Esteban, Marquitos, Riki, Mario, Kevin, Sandelo, Pose. Tamén: Raúl, Roberto, Brais Canosa, Iago, Cives.
  • Goles: 0-1, m.15: Marcos; 0-2, m.32: Sandelo; 1-2, m.43: Alejo de penalti; 2-2, m.61: Eloy Villar; 2-3, m.78: Kevin.

Partidazo vivido no Cairo con alternativas no xogo e no marcador. Intentaba mandar o Corme no comezo pero o Mazaricos conseguía presionar bastante arriba e inclinar o choque cara a área de Suso. Non había demasiadas ocasións, pero nun par de chegadas Marcos nun disparo cruzado e Sandelo nunha preciosa volea dende fóra da área pola escuadra facian o 2-0 antes da media hora.

Alejo, que xa avisara, marcou un penalti cometido sobre Samuel, que metía ao Corme no partido xusto ao fío do descanso.

O Corme estirábase e a rigurosa expulsión de Pose deixaba o partido moi vivo, co Mazaricos metido atrás ante as embestidas locais. Conseguían empatar o Corme cun tanto de Eloy nun córner aínda con media hora por diante. Media hora de asedio cormelán, cun Mazaricos que estaba ben armado e facía dano á contra, con balóns aos espazos. Alejo facía lucirse a Iván, pero o tanto da vitoria caería por parte de Kevin, tras un bo roubo de Marcos. De aí ao final, o Corme embotellou ao cadro amarelo, con varios remates de Alejo e sobre todo unha de Lucas, que lanzou unha volea que non entrou por pouco.

 

Ponteceso - Belvís (0-3)

  • Ponteceso: Benji, Luca, Moscoso, Juanjo (Eloy Santos, m.45), Isaac, Ismail, Alberto Recarey, Iago, Nando, Eloy Álvarez, Charro (Hadrián Neira, m.70).
  • Goles: 0-1, m.23; 0-2, m.32; 0-3, m.68.

Chegaba o equipo de Pablo Mallón con moitas baixas, pero aínda así saía mordendo con dúas ocasións de Charro. Pero pouco a pouco o equipo santiagués foise quitando a presión local e foi chegando ata que marcou o primeiro no ecuador da primeira. Caía o ritmo segundo pasaban os minutos e o Belvís aproveitaba para seguir facendo dano e facer o segundo á media hora.

Xuntaron liñas os locais ao comezo da segunda, e crearon máis ocasións chegando pola banda de Isaac. Alberto Recarey e Eloy Álvarez tamén poobaron ao porteiro e Luca mandaria un balón o pau. Pero nunhca contra sentenciarían os visitantes que foron deixando morrer o partido.

 

Tordoia - Baio (5-2)

  • Baio: Diego, Peke, Alberto, Yago, Alex Varela, Rubio, Bieito, Damián, Porty, Braian e Paco. Tamén: Iago, Mario, Santiso, Sergio e Pedro.
  • Goles: 1-0, m.1; 1-1, m.25: Bieito; 1-2, m.37: Bieito; 2-2, m.55; 3-2, m.73; 4-2, m.75; 8-2, m.82.

O Baio fixo 45 minutos espectaculares, pero despois baixaron o ritmo e o Tordoia de Dani Calvete estivo moi acertado cara gol. “Dos mellores equipos que pasaron polo noso campo”, sinala o adestrador de Buño.
E iso que os locais se adiantaban no primeiro minuto tras un erro na saída de balón. Fixo isto que o Baio tivese que levar o control do partido, mantendo a raia aos locais. Braian, Porty e Paco avisaban pero foi Bieito o que marcaba dous bos goles tras sendas xogadas por banda.

Outro erro na saída de balón custáballe o segundo en contra aos de Pablo Torreira, ante un Tordoia que melloraba tralos cambios con transicións moi rápidas que facían moito dano. Damián e Alex Varela, que sufría unha forte gole (agresión para uns e choque para outros), tiñan que deixar o campo e o Baio ía perdendo folgos a medida que o Tordoia ía chegando e marcando.

 

Todas as crónicas da 1ª Galicia