O Conco acollerá un doble partido solidario das Selección da Costa-QPC

Silvia Cancela, Rebeca Veiga, Óscar Leis e José Manuel Pequeño durante a presentación

O diario dixital Quepasanacosta vén de presentar xunto co Concello de Dumbría, a organización dun doble Partido Solidario, que se celebrará o 4 de xaneiro nas instalacións do Conco, Dumbría. Co apoio do Concello dumbriés, a Cruz Vermella, e a Real Federación Galega de Fútbol, o diario pon en marcha ás dúas Seleccións da Costa da Morte-QPC.

Dous combinados que, como ben explicou Óscar Leis en representación de Quepasanacosta, nacen da Gala de Premios do Fútbol da Costa-QPC que o diario organiza cada ano, a través dos cales máis de 100 persoas vinculadas ao noso fútbol escollen cos seus votos aos mellores de cada temporada. O 11 ideal escollido serve de base para estes combinados costeiros.
Leis agradeceu a colaboración de todas as entidades que fan posible o evento, e lembrou aqueles partidos do combinado costeiro de 2014, un contra o Fabril no Platas Reinoso, e outro en Santa Comba tamén de carácter solidario ante o Coruxo.

A xornada, que contará como speaker ao locutor de Radio Nordés Cadena Ser Josiño Mira,  servirá para recadar fondos que se entregarán á Cruz Vermella. Así o explicou Rebeca Veiga, representando á delegación ceense, sinalando que a recadación faise a través dunha Fila 0 (ao número de conta: ES57 0049 0007 2821 1192 7705) e a través da venda de donativos/rifas á entrada da xornada.
Para elo, sortearanse varias camisetas ademais dunha máxica Noite de Hotel no Faro de Lariño.
A Selección Feminina conta ademais coa colaboración de Saunier Duval, Artio e Farmacia Miguel Lestón Fabeiro.

A representante federativa Silvia Cancela agradeceu a organización desta clase de eventos, asegurando  a colaboración da RFGF en todo o que sexa necesario.

Ademais, o alcalde dumbriés José Manuel Pequeño agradeceu que se contara coa familia dumbriesa no ano do 25 aniversario do club, e fixo fincapé na labor vertebradora de QPC e da Cruz Vermella, e da importancia de que as iniciativas deportivas incidan no eido social.

Os combinados

Manuel Castiñeiras, Kevin Cabado, Marcos Domínguez, Diego Lobelos, Fran Figueroa e Rupper

Tiveron tamén o seu momento os seleccionadores dos combinados e dos equipos invitados. Por parte da Selección Feminina serán Fran Figueroa (adestrador do Dumbría) e Rupper (adestrador do Xallas) os adestradores; e do Combinado Masculino serán Diego Lobelos (escollido o ano pasado como Mellor Adestrador), coa axuda de Marcos Domínguez (nas Escolas Deportivas do Concello de Carnota).
Marta García, delegada do San Lorenzo, e escollida como Delegada do Ano, será a que faga as labores para ambos combinados.

Por parte dos equipos invitados estiveron Manuel Castiñeira (directivo do Bergantiños e ex xogador do Porteño e tamén da Selección costeira) así como o adestrador do Dépor Abanca B, Kevin Cabado.

Durante a presentación tamén estiveron presentes Tati Barcia, xogadora mazaricá do Depor B, e Saskia, xogadora do Xallas e que formará parte do combinado feminino costeiro, por ser escollida o ano pasado dentro do 11 ideal.
 


PROGRAMA:

  • 17:00h: Selección da Costa QPC Feminina - Dépor B
  • 19:00h: Selección da Costa QPC Masculina - Bergantiños