Esteiro e Camariñas celebran o Samaín por todo o alto!

Camariñas-Muxía

Fin de semana festiva e de baixón da cantidade de partidos con respecto á semana pasada debido a que non houbo liga nin en preferente, nin en primeira. Ademais, Bergantiños feminino, As Miúdas e Sofán descansaron, polo que o carrusel do fútbol da Costa tivo menos partidos xogándose ao mesmo tempo, pese a que se vibrou dabondo na Liga da Costa.

Unha categoría que vivía a súa primeira gran xornada, con dous derbis moi esperados polas afeccións, como así o amosaron enchendo as gradas. O Esteirana - Muros, que xa tendes en diferido rexistrou unha asistencia que non se recordaba nun partido da Costa dende a final que os propios azulgranas gañaron no Conco, mentres que o Camariñas - Muxía reviviu unha rivalidade que xa levaba tempo sen atoparse. En ambos foron os locais os que se levaron o triunfo con sendas goleadas (3-0 e 5-3, respectivamente), o que deixará aos rivais tocados durante toda esta semana que entra.

No resto da xornada, hai que destacar o empate no último minuto do Baiñas, que priva ao Cee de acompañar no liderato á Esteirana e ao Outes, que se impuxo ao Monte Louro (4-2). Triple liderato que si hai no subgrupo B, onde o Coristanco confirmou as boas sensacións ante o Zas (4-0) e onde Castriz e San Lorenzo sacaron difíciles vitorias pola mínima contra Cerqueda e Buño. O Malpica, pola súa parte, debutou empatando a cero co Nantón.

Onde si que atopamos un único líder e na terceira, onde xa manda o Pereiriña logo da súa agónica vitoria ante o Camelle. Triunfantes saen tamén da xornada: o Seaia, que goleou ao Laxe (3-0), o Oza, que logrou a primeira vitoria da súa historia ante o Porteño (3-2), o Castrelo pola súa vitoria a domicilio ou o Corcubión, que empatou ao Xallas B no último minuto para manterse segundo.

No fútbol feminino, o Cerqueda levou o seu segundo derbi consecutivo, esta vez a domicilio ante o Xallas. Mentres tanto, en fútbol sala, o Fisober cortou a mala xeira cunha goleada ao Begonte (4-0) e o Villa de Cee conseguiu a segunda vitoria consecutiva logo dun vibrante partido. Por último, no volei, o Dumbría sufriu a súa terceira derrota, en Palencia.