luns. 10.08.2026
El tiempo

O Interrogatorio de Leis con... Paula Fandiño

Paula Fandino no Dumbria
Paula Fandiño no Dumbría. Fotos de súa nai, Marta Trillo
O Interrogatorio de Leis con... Paula Fandiño

Durante a miña etapa en Dumbría, vin pasar innumerables xogadores e xogadoras polo Conco pero a primeira xogadora que me chamou a atención foi a nosa protagonista, sobre todo polo moito que lle gustaba este deporte que todos queremos tanto, un deporte que aínda agora ama, pero coa madurez que supón ir pasando tempadas. E non era só ela; toda a súa familia desfruta do fútbol, esa é a palabra, desfrutar, eles o fan en familia. O seu irmán comparte a súa paixón, e o seu pai segue dando guerra nos veteranos, e todo isto foi captado pola cámara dunha nai e parella orgullosa dos seus, e con razón; son un claro exemplo de que compaxinar deporte, estudos e boas notas é perfectamente posible sen renunciar aos adestramentos nin baixar o nivel académico.

A día de hoxe o seguen facendo pero xa coa súa vida laboral. Esta entrevista percorre a carreira e a formación dunha xogadora moi especial, especial no fútbol e especial no fútbol sala, pero tamén especial para os que a coñecemos desde moi pequena. Foi un pracer charlar con Paula Fandiño Trillo.

  • ÓSCAR - Lembro verte polo Conco xogando ao fútbol cando eras moi pequena, cales son as túas primeiras lembranzas futbolísticas?

Os meus primeiros pasos foron na area da praia detrás dunha pelota, eu non o recordo, pero cóntamo quen si. Os primeiros recordos que teño eu son do mítico maratón das estrelas que se facía no Polideportivo Municipal de Cee ou baixar ao campo co meu irmán a xogar nos descansos dos partidos dos veteranos, onde xogaba meu pai.

  • ÓSCAR - E os primeiros xa federada?

Xa federada xoguei no UC Cee ata o último ano de categoría benxamín, tíñamos moi bo grupo, xa en alevín, pasamos a xogar no Conco co Dumbría.

  • ÓSCAR - Teu pai xogando en Veteranos, teu irmán e ti en categorías inferiores, imaxino que o calendario de fin de semana xa estaba colgado na porta da neveira cun imán.

Pois si, non sei si a miña nai realmente lle gusta o fútbol ou foi obrigada pola nosa conta. Pero si, na miña familia o deporte é unha parte fundamental na nosa vida, crecemos ligados ao fútbol e forma parte da nosa educación.

Paula Fandino e Familia
Paula Fandiño e Familia
  • ÓSCAR - A túa nai debeu ter momentos nos que non sabía a que partido ir; facer malabarismos con todo iso foi todo un reto para ela, pero inmortalizou cada intre coa súa cámara.

Non me preguntes como o fixo pero estivo sempre en todos e efectivamente hai probas fotográficas diso.

  • ÓSCAR - Que gran valor ten todo o que os teus pais achegaron ao voso día a día deportivo, que significou para ti sentilos tan preto?

Pois moitísimo valor, eles estiveron sempre tanto co meu irmán como comigo, en cada partido fose na casa ou fóra, cando nos tiñan que levar ou cando xa podíamos nós levarnos. Estiveron en cada partido e en moitos adestramentos e sempre con consellos, algunha corrección e ánimos cando tocaban, tratando de manternos cos pés no chan e falándonos coa mellor das intencións.

  • ÓSCAR - Imaxinábamos aquel calendario de partidos da fin de semana pegada á neveira, pero que pasaba despois dos partidos coas rivalidades entre pai e fillos, entre irmáns, había piques?

Aínda que se relacione iso con cousas de nenos creo que nós ao contrario, de pequenos non pasaba, meu irmán e eu xogábamos no mesmo equipo así que o humor dos dous era o mesmo. A medida que crecemos e cada un está no seu equipo, si que na fin de semana si hai dous que gañan e un que non, vacilámolo un pouco pero pouca cousa porque sabemos que ao que perde é mellor non falarlle nuns días.

  • ÓSCAR - Todo isto sen descoidar en ningún momento a vosa formación académica, do que podo dar fe. Que estudos cursaches?

Fixen Enfermería na Coruña.

  • ÓSCAR - Xa traballas?

Dende o primeiro día.

  • ÓSCAR - Ti e teu irmán sodes a mellor proba de que é posible compaxinar a formación cos estudos. Como vivistes esa época?

Sempre vivimos un adestramento ou un partido como un momento de desconexión e algo que había que facer si ou si, non recordo faltar a ningún adestramento ou partido por estudar, é simplemente organizarse, sabes que eses días a esas horas tes ese compromiso, así que tes que buscar tempo noutro lado. Un curso da carreira, creo que o segundo curso, estiven xogando en 2.ª división de futsal, con viaxes por España cada 15 días e adestrando practicamente todos os días, estudando e facendo prácticas. Se te me organizas ben non tes que deixar de facer nada.

  • ÓSCAR - Se eu digo Fisober, que dis ti?

A pregunta máis fácil. Fisober vai con Familia sempre.

  • ÓSCAR - E como entraches nesa familia?

No 2011. Eu xogaba nas categorías base do UC Cee e fixemos un torneo pola Xunqueira, Pioto díxolle a meu pai que tiña un equipo de chicas en Vimianzo e se quería ir probar. Eu xa o coñecía porque unha amiga de miña nai levarame a velas unhas cantas veces, ese mesmo ano empecei na base do Fisober.

  • ÓSCAR - O crecemento do club foi brutal; que parte da "culpa" ten Pioto?

Téna toda, quen o coñece sabe que vive por e para o Fisober e para as súas xogadoras. El é o culpable do ambiente familiar, é o irmán maior de todas, creo que ninguén da comarca dubida do seu compromiso co futsal e co seu equipo. Controla e coordina todos os equipos e está pendente de todo e de todas, o mellor como presidente, como adestrador e como persoa.

Paula Fandiño con Fran Toba
Paula Fandiño con Fran Toba
  • ÓSCAR - Ademais de xogar no Fisober, que outros cargos desempeñas ou desempeñaches no club?

Formo parte da directiva e son adestradora das alevíns e das infantís xunto con Adriana.

  • ÓSCAR - E estou seguro de que es un modelo a seguir para moitas delas; de feito, hoxe en día as xogadoras que están a comezar xa poden ter modelos a seguir, referentes, cando empezaches ti era moi diferente. Como viviches esa situación e a actual?

Bueno cando empecei eu non había tanto onde elixir, pero referentes había, recordo estar na grada cando aínda non formaba parte do Fisober e cando xa o facía desde a base. Ver a Ana, Patri, Nuria, Barca, etc. Para min elas eran referentes, habela hoxe en día, pero non era tan fácil atopalas. Actualmente é máis fácil conseguir ver fútbol/futsal feminino tanto na Costa como en redes sociais ou televisión, digamos que as nenas agora teñeno máis á man.

  • ÓSCAR - Esa nena que na grada ollaba as súas referentes chegou a enfrontarse a elas e incluso a xogar xuntas nalgún momento. Chegou o momento de saír a competir co Dumbría a Fútbol 11, que tal esa experiencia?

Pois empecei con moita ilusión, o que comezou cun simple amigable cunhas descoñecidas rematou cun Dumbría feminino, estiven sobre 10 anos sen xogar a fútbol así que, volver a poder desfrutar foi unha gozada. O difícil era cadrar horarios, sénior co Fisober, sénior co Dumbría, partido de alevíns, partido de infantís... os fins de semana non daban para máis.

  • ÓSCAR - A nena que saltaba ao Conco a xogar no descanso dos partidos acabou de capitana e levantando a Copa da Costa.

Pois si, non estou acostumada a gañar así que as poucas cousas que gañei recórdoas con moito cariño e en especial esa Copa por como se gañou e polo grupo que fixemos.

Paula Fandino e Eva Lema no Dumbria-Muxia -Foto-CFF Dumbria
Paula Fandino e Eva Lema no Dumbria-Muxia -Foto-CFF Dumbria
  • ÓSCAR - Despois de tantos anos xuntos, Fisober e Dumbría seguen camiños separados, un camiño que foi moi frutífero. Para ti, que levas tantos anos no Conco, pódese dicir que é o teu segundo fogar, debeu ser un momento difícil?

Si, fácil non foi. Dumbría deulle ao Fisober moito todos estes anos e viceversa, ao final para seguir medrando decidiron separar os camiños e facer base en Cee. Foi difícil para todo o Fisober, para min ao ter o vínculo co Dumbría, pois un pouco máis, pero vivo en Cee e iso axudou a levalo mellor, confío no cambio.

Paula Fandiño co Fisober
Paula Fandiño co Fisober
  • ÓSCAR - Continuarás outra tempada combinando ambos clubs?

Este ano non, foron moitos anos combinando traballo, xogando en dous clubs e adestrando a dúas categorías, creo que necesitaba deixar algo e este ano deixo de competir a fútbol.

  • ÓSCAR - E que esperas desta nova tempada de Fisober?

Pois espéroa parecida ao curso pasado, as novas incorporacións son cadetes da base que conto con que veñan con ganas e coñecen o estilo de xogo, son moi boas incorporacións. Quedamos poucas veteranas e as incorporacións do ano pasado suman un ano de experiencia. O obxectivo supoño que será o mesmo, conseguir a permanencia e despois a vivir. En marzo poderemos contar con algunha rapaza máis da base e espero ter o traballo feito para esas datas. Outra cousa que espero é unha tempada sen lesións no equipo porque levamos unha racha...

  • ÓSCAR - Falando da base, entre os moitos logros do club está o Campionato de España na categoría Alevín; formaches parte do corpo técnico, describe esa experiencia que ademais foi en Dumbría.

Ese Campionato foi o mellor recordo que teño a nivel deportivo e non porque conseguiran gañalo, ese ano foi especial desde o inicio. Fixeron un grupazo as nenas e os pais, durante todo o ano ver como as máis introvertidas ían integrándose e como as máis extrovertidas participaban niso fixo ver a educación que tiveron todas. Formouse un grupo súper sano que á súa vez era competitivo, gañárono todo e máis que houbera e tivemos a sorte de darnos conta mentres o vivíamos que iso probablemente non volvese pasar nunca e que eramos moi afortunadas.

Paula Fandiño co Fisober en 2017
Paula Fandiño co Fisober en 2017

5 penaltis

  1. Ordena a estes 3 futbolistas: Fandiño, Berto e Paula

    Berto, Fandiño, Paula

  2. Fútbol ou Fútbol Sala?

    Fútbol Sala

  3. Falta ao bordo da área, quen a tira, Paula ou Berto?

    Se hai que metela que tire Berto, se o resultado é amplo pois tíroa eu.

  4. Cantas fotos dos vosos partidos hai na casa?

    Unhas 10 máis ou menos, pero xa houbo moitas máis.

  5. Completa a frase: Na ledicia son Celeste...

    Celtista no padecer.

 

banner faro larino

O Interrogatorio de Leis

Comentarios