Infantís: Dumbría, Cee e Xallas afrontan unha recta final de infarto

Se os Xuvenís van afiando a recta final, a Liga Infantil tamén se enfronta aos seus últimos coletazos despois da completa xornada de Semana Santa.

Unha xornada que pon ao Dumbría algo máis preto do título, tralo tropezo do Cee ante Os Miúdos, ante os que sufrían a terceira derrota da temporada. O dumbrieses golearon á Esteirana e a tres xornadadas do final, suman 3 puntos máis que o Cee e 6 que o Xallas, que tamén perdía a ocasión de avanzar un posto ao non pasar do empate ante o Cabana.

Pero a situación vén movida neste sprint, porque esta fin de semana hai un Dumbría-Cee vital (con 3-1 na ida para os ceenses, polo que de gañar se colocarían líderes), e na penúltima xornada outro Xallas-Dumbría (2-0 para os dumbrieses na ida) que será chave.

Huelvis segue moi contento por como vai a temporada no seu Dumbría, non só polo resultado se non sobre todo polo traballo dos rapaces, que tiveron unha inmensa evolución, sobre todo a nivel defensivo, ao longo do curso, mantendo unha forma de xogar que ten riscos pero que considera importante nesta etapa formativa. O cadro dumbriés é un cadro pouco físico, con xogadores máis técnicos, que mellorou moito no aspecto defensivo.

Por Santa Comba, o coordinador do club e adestrador do equipo infantil, Iyan Baragaño, confirma que o seu equipo afronta estas últimas 3 xornadas apurando “as posibilidades de meternos na fase de ascenso a Liga Galega. Non facemos cábalas co resultado xa que temos 2 partidos moi complicados as próxima xornadas. Obviamente, estamos obrigados a gañar os 3 partidos que restan e mirar de reollo ao Cee-Dumbría desta semana, xa que si algún sae perdedor dese partido daranos oportunidade de alcanzar a 2ª praza. Foi unha liga moi apertada abrigo cos equipos da zona alta, que se vai decidindo en pequenos detalles”, valora. “Trataremos de sumar 9 de 9 e esperar ao resto de resultados, xa que o golaveraxe individual está empatado co Cee e aínda temos que xogar contra Dumbría”.

Iyan fai valoración dos puntos fortes do seu equipo, “a nosa columna vertebral (centrais e MC) teñen un rendemento altísimo así como o noso xogo por bandas. Todo co mérito engadido de contar só con 13 xogadores no primeiro equipo Infantil”.

O Cee de Rubén Martínez buscará resarcirse da inesperada derrota da pasada semana e buscará recuperar a senda que os levou a sumar 11 vitorias consecutivas.

 

A Fase de Ascenso é outro cantar, coinciden os adestradores, conscientes da dificultade de competir con outras zonas onde hai unha canteira máis numerosa.

 

Novas relacionadas