Iván Bouzón, Rodri e Benji recollerán os Premios Pombo na Gala do Fútbol da Costa 2026

Iván Bouzón, Rodri e Benji

Xa imos achegándonos ao final de curso e polo tanto, a gran Gala do Fútbol da Costa-QPC. Pronto teredes máis información desta 11º edición, pero xa imos avanzando algún xogador que vai levar para casa algún dos prezados Balón da Olería de Buño, que prepara, con mimo, a familia de do taller Feituras.

Comezamos o repaso polos Premios Pombo, os porteiros menos batidos das categorías masculinas (unha vez que o #FUTFEM aínda está en xogo). A cousa estivo apretada, e ademais houbo equipos pouco goleados nos que alternaron os dous porteiros, impedindo sumar o número de partidos mínimos para poder optar ao premio (o 73%).

Tras facer as contas, os premios son os seguintes:

Premio Pombo ao Porteiro Menos Batido de Preferente e 1ª

Iván Bouzón en Arlina-Foto-Marina Busto

Iván Bouzón do CF Muxía (37 goles encaixados en 30 partidos, unha media de 1,23 goles por partido) foi o porteiro menos goleado da 1ª e Preferente, en dúas categorías nas que temos que destacar outros nomes como Gardu, do Sofán, que quedou ás portas de poder optar ao premio ao xogar 23 partidos (o mínimo son 25 nas ligas de 34 partidos). O porteiro do Dumbría, Anxo Lema, con varios premios nas súas estanterías, quedou tamén destacado.

Premio Pombo ao Porteiro Menos Batido na 2ª FUTGAL

Rodri, do CD Baio (30 goles encaixados en 28 partidos, unha media de 1,07), recibirá o Premio Pombo, nunha Liga da Costa na que quedou preto Iván Couto, porteiro do Xallas, tamén con varios premios ás súas costas, pero recibiu 36 goles en 26 partidos.
Non puideron optar os metas do San Lorenzo, Javi Souto e Mario Varela, que alternaron, ou do Malpica, nos que Ndoye, Joel e mesmo Suso tamén compartiron protagonismo.

Premio Pombo ao Porteiro Menos Batido da 3ª

Benji nun partido co Oza

Na 3ª, os números de Benji e do seu Oza son indiscutibles, con só 22 goles encaixados. Por detrás queda o ceense Jorge, unha vez que os dos outros equipos pouco goleados como Seaia ou Coristanco non poden optar.