Xallas e Cee encarrilan o ascenso
Disputadas a ida as eliminatorias finais de ascenso á 1ª e 2ª FUTGAL, Xallas e Cee parten como favoritos de cara á volta. O cadro xalleiro soubo sufrir na Grela e sacou un resultado máis que positivo para buscar o ascenso a toda unha 1ª FUTGAL o vindeiro domingo en Fontenla.
Mentres, no Pinguel (comezaron xa as obras de renovación do céspede de Pedra Queimada), o Cee deu un paso de xigante colocando un 1-3 en 10 últimos minutos chave.
At. Os Castros - Xallas (0-1)
- Xallas: Iván Couto, García, Adrián Couto, Elvis, Yago Facal, Peke, Maca, Dani Barbeira, Rubén Sande, Rubén Blanco e Sergio Barbeira. Tamén: Íker, Martín, Pablo, Doro, Bryan, Julián, Alberto.
- Gol: 0-1, m.35: Rubén Blanco.
Soubo sufrir o equipo de Doriño. Os xalleiros tiveron menos o balón, tiveron algo de sorte cos paus, pero souberon defender moi ben xuntos e serios e acadaron un gran resultado.
Os de Doriño saían co plantexamento moi claro: bloque replegado, máxima concentración defensiva e aproveitamento das transicións ofensivas. Sabendo da velocidade e do potencial do rival en ataque, polo que era fundamental non deixar espazos ás costas da nosa defensa e competir desde a orde e a solidariedade colectiva.
O plan de Doriño saíu á perfección. Nunha das contras xalleiras, Rubén Blanco aproveitou un bo envío ás costas da defensa para superar ao porteiro cunha gran vaselina e poñer o 0-1 no marcador.
Na segunda metade, o equipo incluso mellorou as sensacións, controlando ben as diferentes fases do encontro e mantendo a seriedade defensiva. A pesar de non dispoñer de moitas ocasións claras debido á proposta de xogo xalleiro, os costeitos xerar perigo en varias transicións ben executadas por Bryan e Rubén Sande. Non acertaron nos metros finais para ampliar a vantaxe, pero o traballo colectivo permitiu conservar o resultado ata o asubío final.
Agora toca afrontar o partido de volta na casa o vindeiro domingo ás 12:00.
Seaia - Cee (1-3)
- Seaia: Isaac, David, Alex Mato, Borja, Belar, Todosantos, Erik, Edu, Diego, Manu Castro e Juni. Tamén: Anxo, Brais, Simón, Rafa, Adri, Alex e Nico.
- Cee: Jorge, Munitis, Diouck, Fontaíña, Jose, Carlos, Marco, Keko, Anxo, Pablo e Xián. Tamén: Adrián, César, Jonathan, Roberto, Sergio, Regueiro e Miguel.
- Goles: 0-1, m.41: Fontaíña; 1-1, m.48: Juni; 1-2, m.81: Regueiro; 1-3, m.86: Anxo.
Comezou moi igualadoo choque, sempre co Cee algo máis propositivo pero o Seaia buscando as rápidas contras. Non houbo demasiadas ocasións no primeiro tempo, e só contra o final se rompía a igualada, nun córner no que queda un rexeite na frontal que tiran cara fora pero rebota nun dos xogadores do Cee e entra.
Na segunda os de Manu Cancela comezaron moito mellor, empatando moi pronto Juni cun tiro dende a frontal. Aí tiveron os seus mellores minutos os malpicáns dominando e tendo ocasións pero sen acerto. Os de Rafa non entregaran o partido, e xa nos últimos minutos nun balón longo, un rebote quédalle o balón a Regueiro que marca. Apenas unha xogada despis, un tiro de Anxo toca nun defensa e fai o terceiro para os ceenses. Aínda tivo unha de Castro o Seaia para recurtar pero apareceu Jorge para manter un grandísimo resultado para o Cee.