Protagonismo muxián nunha Gala do Fútbol da Costa 2026 na que agromou o sentimento de pertenza
Emoción, identidade, paixón, escola de valores e cohesión social foron algunhas das descricións que saíron ao longo da XI Gala do Fútbol da Costa-QPC. O auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros quedou pequeno para recibir ás máis de 250 persoas do fútbol costeiro que se achegaron a esta festa de despedida do noso fútbol. Un Fútbol da Costa que une, que vertebra, que favorece o traballo en comunidade de toda unha comarca, como destacaron nos seus discursos a alcaldesa de Muros, María Lago, o concelleiro de Deportes Damián Torea ou o presidente da RFGF Pablo Prieto.
O edil muradán, coñecido no fútbol costeiro como Kajulo, acabou recibindo ese balón da Olería de Buño (unha xoia feita polo Taller Feituras) que nunca conseguira sobre o céspece nun agasallo de QPC. “Isto non só é deporte. O Fütbol da Costa é unha gran familia”, definiu a perfección o edil.
A gala, dirixida maxistralmente por José Manuel Mira (que levou outro balón de agasallo para casa polo seu compromiso e dedicación ao noso deporte) e o fantástico Óscar Leis, foi tremendamente áxil e fresca, e estivo amenizada pola actuación de Julia. A fisterrá, alumna aventaxada da ESMU de Carnota e filla de Serguei, demostrou a súa pericia coa guitarra cantando dous temados de rock noventeiro.
Foi ademais unha gala totalmente paritaria, na que o FUTFEM cada vez colle máis presenza e protagonismo, gracias á maior implicación das novas xogadoras. Repasamos como foi a Gala cos datos e con fotos, sinalando que imos publicar unha completa galería coas fotos de Adán Pérez nas nosas redes e na propia web.
O Muxía levou 15 premios dos 40 premios
En canto aos premios escollidos pola votación de 120 persoas (80 para as categorías masculinas e 40 para as femininas, 2 votos por club ademais de xornalistas e colaboradores), como era esperado despois do visto sobre o céspede este curso, o CF Muxía foi o gran protagonista da noite, levando 15 dos 40 premios que se repartiron na noite, coa axuda ademais dos azafaifos da ED Os Miúdos.
- Premio PLAIA DAS LANCHAS ao Mellor Equipo Masculino.
- Premio AS BALEAS ao Mellor Equipo Feminino.
- Premio RESTAURANTE DÁLVARO ao Mellor Adestrador MASC: Sergio Pataca.
- Premio ESTEBAN BLANCO ao Mellor Xogador: Manu Nogueira.
- Premio APLIGASA ao Mellor Xogadora: Patri Romaní.
- Premio RAMACAR ao Pichichi das Pref. e 1ª FUTGAL: Fran Moreira.
- Premio MOBLERÍA E COLCHONERÍA CARRASCO á Pichichi do #FUTFEM: Eva Lema.
- 5 Premios FUTGAL ao 11 Ideal Masculino: Iván Bouzón (porteiro), Carlos Costa (defensa), Mauro Romaní (medio) e Manu Nogueira (medios) e Fran Moreira (dianteiro).
- 3 Premios MAQUISABA ao 11 Ideal FEM: Laura Doce e Patri Romaní (centrocampistas) e Eva Lema (dianteira).
Premios por toda a comarca
Pero dicimos que esta gala vertebra porque ao final houbo premios que marcharon para Corme, Dumbría (unha parte, o de Aarón Fdez. que quedou no seu Muros natal), Vimianzo, Camariñas, Cee, Cabana, Santa Comba, Ponte do Porto (e Fisterra), Malpica, Coristanco, Carballo ou Baio.
Así, outros dos premios escollidos por votación foron repartidos:
- Premio CRISTALERÍA VILAS á Mellor Directiva: os clubs premiaron a labor do Soneira SD.
- Premio AUTOCARES J. POMBO ao Mellor Adestrador/a FEM: Rubén Souto (Corme CF) levou o seu terceiro trofeo consecutivo.
- Premio Especial Abdoulaye de Fútbol Base: O CF Dumbría foi o escollido pola meirante parte dos 120 votos.
Os 11 ideais
Repasamos ademais como foron repartidos os 11 ideais (recolleremos as votacións íntegras para a semana):

11 IDEAL MASC: Iván Bouzón (Muxía) na portería; defensa con Carlos Costa (Muxía); Aarón (Dumbría), Alex Sánchez (Sofán); medio con Mauro Romaní (Muxía), Manu Nogueira (Muxía), Doro (Xallas), Aday (Malpica); e dianteira para Bruno (Porteño), Diego Estévez (Dumbría) e Fran Moreira (Muxía).


11 IDEAL FEM: Miriam (Cabana) na portería; defensa con Saskia (Corme), Lucía Ramos (Cee), María Rial (Xallas); medio con Patri Romaní e Laura Doce (Muxía), Paula Fandiño (Dumbría) e Yara (Camariñas); e arriba Eva Lema (Muxía), Kenny (Soneira) e Paula Veiga (Cee).

Árbitros e Delegados
O Premio Lucas Vicente Vidal ao Árbitro do ano (escollido por votación do colectivo arbitral) foi para o carballés Diego Grille. Quedaron finalistas o coristanqués Alfonso Caamaño e o pontecesán David Castro.
O colectivo arbitral, sempre presente nestas Galas (volveu falar a súa respectada voz, Manuel Espasandín) escolleu tamén ao Premio SAUNIER DUVAL ao Delegado do ano, neste caso escollendo a Bertino do CD Baio, quedando Domingo (EF Carnota) e o bo de Barrié (SD Ponteceso) ás portas do recoñecemento.
Os Pichichis e os Pombos
Tamén se fixeron entrega os que xa viña perfilados:
- Premio RAMACAR ao Pichichi das Pref. e 1ª FUTGAL: Fran Moreira (Muxía)
- Premio MÁIS DEPORTE ao Pichichi da 2ª FUTGAL: Bruno (Porteño)
- Premio CMA CONSTRUCCIÓN ao Pichichi da 3ª FUTGAL: Pablo Pose (Coristanco)
- Premio MOBLERÍA E COLCHONERÍA CARRASCO á Pichichi do #FUTFEM: EVA LEMA (Muxía)
- Premio Pombo ASFECO ao Porteiro Menos Batido da Pref. e 1ª FUTGAL: Iván Bouzón (Muxía)
- Premio Pombo ao Porteiro Menos Batido da 2ª FUTGAL: Rodri (Baio)
- Premio Pombo IVÁN VILANOVA & INSUA ao Porteiro Menos Batido da 3ª FUTGAL: Benji (Oza)
- Premio Pombo O MONCHO BURGUER á Porteira Menos Batida do #FUTFEM: Desi (EF Juan Cabrejo)
Publicaremos unha Galería completa coas fotos de Adán Pérez da Gala nas nosas redes sociais.
A vertente solidaria
A Gala serviu ademais para recadar arredor dos 500€ cos que QPC colabora coa ONG Egueire no seu afán por construír un comedor escolar en Ebunou, unha pequena vila costeira do sur de Costa de Marfil. A entidade doou unha serie de elementos de artesanía africana, que se sortearon xunto cunha boa marea de camisetas dos equipos da comarca que conseguiu a Asociación ASFACOS.
Os Patrocinadores

REPASO DAS GALAS
- Gala 2025 (Vimianzo): 10 anos de Gala do Fútbol da Costa, 10 anos de identidade.
- Gala 2024 (Santa Comba): O Fútbol Feminino volveu demostrar o seu potencial nunha Gala do Fútbol da Costa-QPC na que triunfaron Xallas e Castriz
- Gala 2023 (Corcubión): Unha Gala do Fútbol da Costa para unir e render homenaxe ao UD Corcubión
- Gala 2022 (Malpica): A Gala de Malpica volveu unir o Fútbol da Costa.
- Gala 2019 (Dumbría): O Fútbol da Costa pechou o curso 18/19 na VI Gala QPC.
- Gala 2018 (Santa Comba): A Gala QPC puxo en Santa Comba o emocionante broche de ouro á temporada do Fútbol da Costa.
- Gala 2017 (Muxía): A emoción, protagonista da Gala do Fútbol da Costa – QPC.
- Gala 2016 (Mazaricos): Unha Gala para seguir unindo o Fútbol da Costa.
- Gala 2015 (Cee): O Outes, Iago, e Álex Pombo foron os protagonistas da II Gala do Fútbol da Costa – QPC.
- Gala 2014 (Dumbría): QPC entregou os premios do Fútbol da Costa 2013-2014.
- 2013 (San Comba): Presentación do Álbum: A noite das estrellas do Fútbol da Costa.