Alba Formoso presenta a súa novela de amor en Laxe, a súa terceir casa
Alba Formoso Ramos é a directora de TALKK, unha recoñecida Escola de Comunicación, Oratoria e Debate da Coruña. Pero á ourensá non lle para a cabeza e vén de lanzarse á literatura. A nóbel escritora, casada cun laxense, vén de lanzar o seu primeiro libro, "Entre incenso e recordos" e fai por presentalo na súa terceira casa.
A cita será este sábado 4 de abril ás 19.00 horas na Libraría Risón de Laxe (Rúa Vila Amparo, 51). Unha visita alternativa para gozar no marco das accións e procesións de Semana Santa.
Publicada por Hércules de Edicións, a novela afástase da estrutura clásica do romance para afondar no "despertar emocional" e nas cicatrices que deixa un primeiro amor intenso. A trama segue a historia de Alicia e Mario, dous mozos que constrúen un mundo de complicidade a través de cartas e silencios, ata que un xiro inesperado do destino obriga á protagonista a reconsiderar a súa existencia.
A obra explora conceptos complexos como as ilusións do amor romántico, o duelo e a busca da identidade cando o vínculo físico desaparece e só quedan recordos. Segundo a editorial, non se trata só dunha historia de amor, senón dunha exploración do "que queda cando xa non hai corpo, só recordo".