Os alcaldes populares de Bergantiños analizan coa Xunta a posibilidade de ampliar o solo industrial na comarca

A Conselleira Lorenzana cos alcaldes de Bergantiños no Salón de plenos de Laxe

Os alcaldes de Cabana José Muíño; o de Coristanco, Juan Carlos García; o alcalde de Laxe, Francisco Charlín; o de Malpica, Eduardo Parga; e o alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, mantiveron onte unha xuntanza coa conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e a delegada da Xunta na Coruña, Belén Docampo, para analizar as iniciativas postas en marcha polo Goberno galego para atraer investimentos a Galicia.

As responsables da Xunta explicaron que o Plan de aceleración de proxectos industriais que garante a tramitación en menos dun ano daquelas iniciativas empresariais con máis de 800.000 euros de investimento; ou a posta en marcha da Oficina Económica de Galicia, que depende do Igape, e que desde o mes de abril xa atendeu máis de 8.000 consultas de empresas.

Tamén se abordaron as necesidades de solo industrial destes concellos, onde a conselleira lembrou que a Xunta pon a disposición das empresas solo industrial gratuíto durante os primeiros oitos anos co obxectivo de facilitar a implantación de novas empresas na Comunidade ou ampliar as existentes.