Baia Fernández De La Torre presenta en Laxe o seu novo libro O Faiado das Papoulas
A escritora galega, youtubeira e adestradora emocional Baia Fernández De La Torre presenta en Laxe o seu novo libro O Faiado das Papoulas. A presentación terá lugar en Laxe, este sábado 18 de outubro ás 18:30 h, na libraría O Risón (rúa Vila Amparo nº 51), e contará coa presenza da autora. O acto coincide coa súa estancia na Costa da Morte grazas ao programa da Xunta de Galicia FIXAR, que se está a desenvolver no coliving iSlow.
O Faiado das Papoulas é un libro de poesía intimista, cun carácter reivindicativo e social, que convida a explorar ese faiado simbólico onde se gardan as memorias da nosa linaxe, un espazo ao que é preciso volver se queremos sandarnos e reconciliarnos co noso inconsciente colectivo.
O libro, ilustrado por Paula Pereira (Cavalinho do Demo) e deseñado por Martiño Picallo, fainos tamén reflexionar sobre o lugar que ocupamos as mulleres na sociedade e sobre as pegadas invisibilizadas do machismo.
Esta é a cuarta publicación de Baia Fernández e a segunda de poesía, logo de que hai xusto dez anos se estreara no panorama literario con Unha viaxe ruminantes, poemario que incluía o poema Engano, recoñecido pola EOI como un dos mellores dese ano e que obtivo o 2º posto no Certame aRi[t]mar 2016.
Entre poesía e poesía, Baia mergullouse tamén nos contos ilustrados con títulos como Laia, con ilustracións de Leandro Lamas, e Caracol, cara de col, ilustrado por Tania Solla, obras que transmiten valiosas aprendizaxes emocionais para pequenos e maiores.