Volven reclamar a apertura do esquecido Punto de Atención á Infancia

Equipo do BNG de Laxe
Construído no 2019 e rematado, leva dende entón sen actividade. Por iso, o BNG Laxe volve reclamar ao goberno municipal a “inminente” apertura do Punto de Atención á Infancia (PAI), xa que a súa paralíse está "impedindo ás familias de Laxe poder contar con este servizo público, fundamental para garantir a conciliación familiar e o dereito á educación tamén nas idades máis temperás”. 

O grupo nacionalista reitera esta petición, ademais, trala recente publicación das listaxes de admisións nas escolas infantís dos concellos máis próximos, nas que os veciños e veciñas de Laxe quedan excluídos. “Contamos cun espazo completamente habilitado, e cunha demanda moi elevada do que é, ademais, un servizo público esencial”, recalcan dende a formación nacionalista, “polo que nos parece inadmisible ver como ano tras ano os pais e nais do noso concello teñen que desprazarse, no mellor dos casos, ata Cabana, Ponteceso ou Vimianzo para levar ás crianzas á escola infantil e, en moitos outros casos, como estamos vendo estes días, quedan sen prazas e sen a posibilidade de que os seus fillos e fillas vaian á escola, cando teñen unha no seu propio concello que permanece pechada por falta de vontade política”.

O BNG laxense culpa á alcaldía de “priorizar” outro tipo de gastos, “sen preocuparse de temas tan cruciais para a xente como a súa conciliación familiar”. Ademais, lembra que foi o propio BNG o que impulsou a construción do PAI no 2015, cando instou ao goberno municipal daquel momento a incluír esta obra no POS da Deputación. “Traballamos para conseguir que se construíse e, despois de finalizarse fai catro anos, vemos con impotencia como o goberno municipal non fai nada para a súa posta en marcha, sabendo o moito que o necesitan os pais e nais deste concello”.

E, como proposta, os nacionalistas suxiren incluír nos próximos orzamentos municipais a posta en funcionamento do PAI para o curso 2025 – 2026 “tratando esta cuestión como o que é: unha prioridade”.