O Círculo de Podemos presentoulle á veciñanza "o modelo do Laxe que quere"

O Círculo de Podemos Laxe presentou de maneira oficial o seu candidato ás eleccións municipais do mes de maio, Fernando Regaldie. Fíxoo aproveitando o 9º aniversario do partido, nun encontro aberto celebrado de maneira simultánea en todo o Estado español.

José Antonio Rodríguez Santiago, a persoa que dende os primeiros pasos do partido foi a cara visible da formación en Laxe, abriu o acto onde presentou ós militantes alí presentes que formarán parte da lista, Ángel Herrera García, enlace de organización e membro da Comisión de Garantías Democráticas de Podemos Galicia, Claudia Bajo Susany, enlace de feminismos, e Fernando Del Moral Regaldie, enlace de comunicación, responsable comarcal e aspirante á alcaldía do concello, ademais de Dolores Costa Souto, Hipólito Rojo Sanmartín e Juan Domínguez Busto.

Nun acto celebrado en dependencias municipais, Regaldie fixo un balance do traballo do círculo no seu ano e medio de existencia, e con posterioridade foron os asistentes quen tomaron a palabra para expor as súas preocupacións e propostas tanto cara ó futuro máis próximo, como a medio e longo prazo. A formación, a través do proceso de escoita activa, propóñese "trazar un programa do modelo do Laxe que quere, non só para os próximos catro anos, senón enfocarse nun proxecto do modelo de concello para poñelo no lugar que merece".

Novas relacionadas