Compañeiro, traballador, amigo da alma
- A laxense Loli Toja envía esta carta de despedida ao ex rexedor socialista e presidente de O Peñón, Ricardo Facal.
Meu querido amigo Facal,
Non sei moi ben por onde empezar, porque hai tanto que dicirche… e tanto que agradecerche!. Fuches o noso compañeiro, aliado en tantas aventuras e, sobre todo, un amigo dos bos, dos que deixan pegada e non se esquecen.
Sempre admirei a túa predisposición positiva, home con mundo, cheo de ganas de facer cousas, mesmo cando as circunstancias eran difíciles. Ti sempre dicías "ale ou, que vai ir padiante" e con esa frase túa levantábasnos a todos. Crías nas persoas, nos proxectos, na vida. E iso é algo que non se esquece.
No lado humano, quedo co teu compromiso sincero coa xente, co camiñar atento para denunciar as barreiras arquitectónicas, esas imposibles de atravesar, coa diversión do simple feito de coller castañas ou de disfrutar dun bo viño.
Traballar para axudar estaba na túa natureza. O teu sentido do humor, con esa calma que tanto ben nos facía ante o noso bulebule, das mil ideas sin xeito. A paciencia infinita, interrompendo a túa película de vaqueiros que tanto disfrutabas, para sorrir e facer eses vídeos imposibles que che pediamos.
Grazas polas conversas, pola ilusión de ver as cousas rematadas, por estar sempre aí. Por ser equilibrio, por ser apoio, por ser forza, por ser alegría.
Perdemos a unha gran persoa, a alguén entregado, comprometido, un bo amigo, que enchía as rúas co seu sorriso. Pero eu, sobre todo, perdo a un compañeiro da alma.
Voute botar moitísimo de menos.
- Loli Toja, laxense, ex deputada socialista e profe no IES Terra de Soneira.