O declive do Cayetano, Caietano ou Caetano

Pouca xente no Enterro do Cayetano de Laxe

Unha mágoa ver como se deixa esmorecer un personaxe creado en 2009 para facer historia do Entroido en Laxe. O grupo municipal está acabando pouco a pouco co enterro do Cayetano, modificando polo camiño a historia creada polo seu día por Xabier García (hoxe esquecido polas corporacións municipais) coa axuda dunha serie de veciñas e veciños da vila, e collendo as partes máis soeces dos mecos veciños.

Porque o Cayetano (si, con y porque se trata dun persoeiro de comezos do século XIX, un fillo bastardo, vividor e bebedor, non recoñecido dos Moscoso chegado dende Castilla, e non Caietano, nin tampouco Caetano, como promocionaba o Concello de Laxe nas súas redes na previa do Entroido noutra desfeita por permitir que a empresa de comunicación use a IA sen control nin respecto) non levaba unha pirola tesa, como lamentaban ver onte as poucas xentes que se achegaron ao funeral e ao enterro do persoeiro. “Un discurso penoso a día de hoxe”, lamentaban algunhas veciñas presentes.

A estas alturas, o Cayetano xa non ten aquel interese que xerou a comezos da década pasada, tendo en conta ademais que previamente non existía un Entroido como tal en Laxe. Ademais, a figura é moito máis cutre que a feita naqueles anos, e a historia peca de caer en símbolos rancios e machistas, no canto de lembrar a loita contra o sistema feudal. Onte apenas a batukada dos Kilomberos, contratados para amenizar a comitiva fúnebre, mantiveron o ambiente algo quente no entroido laxense.

AS CRÓNICAS DO CAIETANO