O Local Social de Serantes está moi vivo por verán coa escola de verán colaborativa
Ferve o local social de Serantes estas semanas. O edificio veciñal acolleu a primeira edición dunha escola de verán colaborativa, unha iniciativa pioneira na zona que nace da colaboración entre a Asociación Veciñal de Serantes, o coliving rural iSlow, e unha rede de entidades locais e profesionais comprometidas coa dinamización do territorio.
A experiencia contou coa participación de 25 nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, procedentes tanto da contorna como doutras partes de España e do estranxeiro. O obxectivo principal foi crear un espazo de aprendizaxe e convivencia rural en clave bilingüe, onde os máis pequenos puideron aprender inglés e español de forma natural a través de actividades lúdicas, educativas e comunitarias.
Durante o campamento, desenvolvéronse diversas temáticas como:
- limpeza de praias en Camelle con Mar de Fábula,
- obradoiros de ciencia e robótica,
- cociña tradicional galega,
- creación audiovisual,
- actividades na natureza e
- deportes como o surf, o paddle surf ou o kaiak, grazas á colaboración de escolas deportivas locais.
Un dos días máis destacados foi o Día de Negocios, onde os nenos interactuaron coa veciñanza para recoller ingredientes e ofrecer produtos elaborados por eles mesmos, fomentando a aprendizaxe sobre o valor da colaboración, a economía local e a vida comunitaria.
Esta escola de verán supuxo tamén o inicio das actividades de Agora Rural, unha nova entidade que se incorpora ao territorio cun enfoque de innovación social, e que achegou un taller sobre retos e oportunidades para o rural, impulsando o pensamento crítico e a creatividade entre os participantes máis maiores.
O éxito desta edición non sería posible sen a implicación das familias, da comunidade de iSlow e demáis entidades colaboradoras: Aventura Lengua, Mar de Fábula, Edgar & Makestore, Casa das Areas, Rural o Urbano, Ubuntu Life, Galifornia Surf, Peg & Lucha, Agora Rural, e a veciñanza de Serantes, que colaborou interactuando cos nenos con apoio e moita ilusión.
Esta experiencia demostra que a vida no rural pode ofrecer propostas educativas modernas e conectadas co mundo, sen renunciar á identidade local nin ao valor da comunidade.