Podemos Laxe critica o novo contrato do SAF

Fernando Del Moral é o voceiro de Podemos Laxe
  • Fernando Del Moral denuncia que o novo contrato do SAF de Laxe "beneficia ás grandes empresas e ignora ás traballadoras, ás usuarias e ao galego"

O concelleiro non adscrito de Podemos en Laxe, Fernando Del Moral, saíu ao paso este venres para explicar os motivos da súa abstención no pleno no que PP, PSOE e BNG aprobaron o novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). O voceiro da formación sinalou que "non votamos en contra porque o servizo estaba a piques de colapsar, pero abstivémonos porque este contrato está deseñado a medida das grandes empresas e non protexe nin ás traballadoras, nin ás usuarias, nin a nosa lingua".

A formación morada lembrou que actualmente o servizo está a ser prestado por unha empresa sen contrato en vigor e que o concello vén pagando mediante recoñecementos extraxudiciais de débeda, unha situación de precariedade que cualificou de "mala xestión crónica do PP". "Non imos poñer en risco ás persoas dependentes. Por iso nos abstivemos. Pero non imos calar sobre o que realmente se aprobou", engadiu.

A trampa da subcontratación

Podemos denuncia que o contrato aprobado contén unha contradición clave: non se divide en lotes, pero autorízase a subcontratación. "Se a coordinación fose un problema real, tampouco permitirían subcontratar", explicou a portavoz. "O que fai o PP é regalar á empresa adxudicataria a decisión de con quen traballa e en cantas partes divide o servizo. Perdemos todo o control público".

A formación alertou de que esta fórmula permitirá á gran empresa que gañe o contrato quedar coa parte máis lucrativa (atención directa a 24,59 €/hora) e subcontratar as máis especializadas (fisioterapia, podoloxía) a pequenas empresas locais, impoñendo as súas condicións de prezo e comprimindo os seus salarios. "As empresas de Laxe e comarca, como moito, poderán ser subcontratadas en condicións que decide a concesionaria, non o concello. Iso non é apoiar a economía local, é explotación en cadea", denunciou.

 

Oito omisións que condenan o servizo

Del Moral enumerou as carencias que PP, PSOE e BNG decidiron ignorar:

1. Sen reversión á xestión pública. O contrato non prevé ningún mecanismo para que o concello recupere o servizo no futuro. "Unha privatización permanente", segundo Podemos.

2. Sen división en lotes. "A gran empresa levará todo o contrato. As cooperativas e pemes locais, excluídas".

3. Sen garantía para o persoal municipal. As tres auxiliares municipais existentes non están blindadas. "Nada impide que sexan substituídas pola empresa", alertou a portavoz.

4. Sen perspectiva de xénero. "Non hai protocolo contra o acoso sexual, non hai formación en igualdade, non hai prevención da violencia machista nos domicilios. A lei 10/2022 esíxeo, pero aquí brillou pola súa ausencia", criticou.

5. Sen cláusulas antirracistas. "Nada impide que se discrimine a unha traballadora polo seu aspecto ou procedencia. Nada", denunciou Podemos, que cualificou esta omisión como "lamentable".

6. Sen participación das usuarias nin das súas familias. "Non haberá comisión de seguimento, non haberá enquisas de satisfacción, non haberá buzón de queixas. As usuarias son un mero expediente".

7. Sen defensa da lingua galega. "O persoal non terá obriga de falar galego. As nosas maiores, que moitas veces só falan galego, poderán ser atendidas por persoal que non as entende. Isto é inaceptable nun concello de Galicia".

8. Sen ampliación do emprego público. "O contrato non crea nin unha soa praza municipal. Todo vai para a empresa privada".

"Non é máis caro, é máis xusto"

Podemos lembrou que presentou propostas no pleno para corrixir estas carencias: estudo de reversión á xestión pública, división en tres lotes (un deles reservado para economía local), cláusulas de xénero, antirracistas, defensa do galego, participación cidadá e garantía do persoal municipal.

"PP, PSOE e BNG ignoráronas e apoiaron a proposta da alcaldía. Preferiron votar a favor dun modelo que beneficia ás grandes empresas en lugar de apostar por un servizo público, local, feminista, antirracista e galego. Iso queda na súa responsabilidade política", lamentou Del Moral.

A formación concluíu: "Abstivémonos porque non íamos deixar ás nosas maiores sen servizo. Pero este contrato é unha mala solución: privatizador, pouco transparente, machista, racista e que ignora o galego. Quen votou a favor asuma a responsabilidade do que pase. Nós, desde a oposición, vixiaremos e denunciaremos cada irregularidade".