A pasada semana, a Comisión Organizadora da Mostra da Olería 2011 procedían a realizar unha reunión na Casa do Oleiro de Buño para chegar a un acordo sobre as datas da realización da mesma, que este ano cumprirá vinteoito edicións.
Ao final da reunión concluiuse que a Mostra celebrarase entre os días 5 e 15 de agosto. O lugar será o habitual, a Casa do Oleiro de A Camposa, en Buño (Malpica). O horario de apertura será pola mañá, de 11:00h a 14:00h, e polas tardes de 17:00h a 21:00h. A Mostra inaugurarase o día 5 de agosto, cos VII Encontros de música e danza tradicional.
En canto ao que poderemos atopar no recinto, na pranta baixa estará a exposición “Os Nosos Oleiros” e un obradoiro de barro para os máis pequenos, que se abrirá cada día en horario de tarde. No primeiro andar haberá dúas exposicións. Unha co título “Oleiros de Buño” e outra que amosará os carteis correspondentes a todas as Mostras.
Na carpa estarán os stands de venda dos oleiros e varias exhibicións dun oleiro no torno, exhibicións que se producirán cada día de 12:00h a 14:00h e de 18:00h a 21:00h. Xa no Centro Comarcal haberá sitio para o Centro de Documentación O Alfar e para a Colección Luciano García Alén.
Tamén lembramos que permanecerá aberto o Ecomuseo do Forno do Forte, polas mañás de 11:00h a 14:00h e polas tardes de 17:00h a 21:00h.
A Mostra clausurarase o día 15 de agosto cun sorteo de pezas.
Novas relacionadas