As Anpas Galegas inician unha campaña de reivindicación por unha correcta atención educativa para os alumnos enfermos

O pequeno malpicán Hadrián é a imaxe da campaña das Anpas Galegas por unha atención educativa domiciliaria decente A confederación Anpas Galegas acaba de poñer en marcha unha campaña de concienciación e reivindicación, dirixida á procura dunha correcta atención hospitalaria e domiciliaria para aquelas nenas e nenos que non poidan asistir a clases por razón de longa enfermidade. Este é un problema no que comezou a traballar hai xa máis dunha década a Federación Olívica de ANPAs, FOANPAS, membro fundador desta Confederación, e que deu lugar a unha normativa que no seu momento fora unha gran conquista social. Porén estes últimos anos de recortes contra o ensino público tamén se levaron por diante moito do conseguido neste eido, e sobre todo arrasaron co máis importante: a conciencia da sociedade de que este era un dereito que podía e debía esixir, con e sen crise. Para isto foi necesaria a afouteza dalgunhas familias que decidiron pedir en público o ensino durante a enfermidade. "O panorama que temos actualmente é desolador, a normativa que temos non é creadora de dereitos obxectivos, non marca horarios nin establece procedementos; parte da base de que a situación é excepcional e trátaa dende ese punto de vista; o problema é que non é excepcional, a enfermidade é unha circunstancia na vida dos afectados, pero na vida social é unha realidade que se repite sistematicamente, e que debe ter establecidas solucións sistemáticas ás que poder acollerse dun xeito automático", sinalan dende a confederación de Anpas Galegas. Redes sociais De xeito paralelo, Nieves Villar (a nai de Hadrián) de Malpica inicia a campaña por unha lei galega de educación domiciliaria para nenos enfermos de longa duración que se está difundindo, principalmente, a través das redes sociais. En pouco máis de 12 horas, unhas 2.500 persoas firmaran a petición en www.change.org. Novas relacionadas Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.gal)
  • Confederación de Anpas Galegas