As mulleres de Malpica coñecen de preto ás Pandereteiras de Mens

Tiña que desenvolverse o pasado martes, pero suspendeuse por mor da asistencia do alumnado da Aula de Lecer de Malpica de Bergantiños a un enterro. Por iso, na xornada de onte Xosé Manuel Varela impartiu o último obradoiro de lingua e música tradicional sobre as pandereteiras de Mens no Centro Cívico de Malpica de Bergantiños. Xunto co alumnado que acode ás sesións de manualidades e algún que outro achegado que non quixo saír na fotografía, a cita contou coa presenza do Alcalde, Eduardo Parga Veiga, da concelleira de Servizos Sociais, Marisol Gorín Blanco, e a profesora de manualidades, Lucía Villanueva.

O obradoiro desenvolveuse por un espazo de 60 minutos e os presentes puideron observar e comentar a riqueza lingüística e musical das ‘pandereteiras de Mens’. Aínda que moitos as coñecían, porque estas mulleres acudían no pasado a realizar xestións médicas ou comerciais á vila malpicá, moi poucos presentes eran sabedores da importancia cultural que tiveron estas mulleres nos anos 70 e 80 do século pasado.

Algúns dos asistentes a este obradoiro manifestou que foran ben atrevidas saír polo mundo adiante levando a cultura dunha parroquia, a de Mens, que por eses sitios a onde ían (Barcelona, Zaragoza, Francia, Bos Aires) nin sequera sabía que existía. Ademais, recoñeceron que este don de cantar, bailar e tocar a pandeireta lles serviu para coñecer mundo que seguramente doutra maneira nunca terían a oportunidade de coñecer.

Novas relacionadas

Fonte

  • Información da man de Xosé Manuel Varela.