Xoves. 14.11.2019
El tiempo

Unha homenaxe convertida nun singular día de festa na parroquia de Mens

Unha homenaxe convertida nun singular día de festa na parroquia de Mens

Aínda que hai poucas semanas que na parroquia de Santiago de Mens se celebraron tres días de festa, a xornada de homenaxe que a Fundación Eduardo Pondal, a Asociación Cultural Río dos Píos e o Concello de Malpica de Bergantiños celebraron na tarde do domingo 12 de agosto converteuse nun día singular e á súa vez emotivo.

Non fixeron falta grandes orquestras para chegar ó corazón da xente de toda a parroquia de Mens así como doutros lugares da redonda e mesmo de Carballo ou A Coruña. Os artistas e as artistas eran da casa: gaiteiros novos, comparseiros, descendentes de regueifeiros, vellos bailadores e pandereteiras e a guinda a modo de agasallo da Agrupación Folclórica Aturuxo da Coruña.

A xornada comezou puntual ás 5 da tarde coa apertura, na planta alta do local social do Río dos Píos, dunha exposición conformada por fotografías dos homenaxeados, vellas pandeiretas, páxinas de prensa, ‘hestorias’de comparsas, manuscritos e un maniquí vestido coa roupa que empregaban as vellas pandereteiras de Mens durante as súas actuacións por España, Francia ou Arxentina. Nunha sala anexa proxectouse un audiovisual con fotografías históricas dos homenaxeados que incluía imaxes dunha actuación das pandereteiras de Mens en 1983 no programa Ruada da Televisión de Galicia.

Tras as imaxes os actos desprazáronse á praciña do Río dos Píos. Abriron este acto exterior os gaiteiros Suso Moreira e os irmáns Raquel e Aitor Pose Bermúdez. O mestre Suso Moreira ofreceu a exclusiva de interpretar por vez primeira en gaita a peza “Maneo de Mens” que completou coa “rumba de Malpica”. A seguir, e tras as intervencións de Carme Garrido Cancela, vicepresidenta de Río dos Píos, e Xosé Manuel Varela, secretario da Fundación Eduardo Pondal, o Alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga Veiga, acompañado de Miguel Fernández Miras, entregou os agasallos conmemorativos ás persoas homenaxeadas, nalgún caso, por falecemento ou enfermidade, representados por familiares directos.

O primeiro homenaxeado foi o regueifeiro Maximino Garrido Blanco. Tras unha presentación sobre este poeta popular a cargo do historiador Francisco Luís Castro Cousillas, a bisneta do regueifeiro Cristina Castro Pose leu o poema autobiográfico “A vida do tío Pepe da Fonte Vella”.

Algúns comparseiros do 61 e Tamara Castro bisneta do regueifeiro Maximino Garrido

As andanzas dos comparseiros do 61 tamén foron recordadas por Francisco L. Castro, quen lembrou algunhas coplas de comparsa que lle fixeran á súa nai. Nesta segunda homenaxe, Xosé Manuel Varela moderou unha mesa redonda na que se descubriron todos os segredos que agocha unha comparsa antes de ser cantada en público. Asistiron os comparseiros Manuel de Cereán (o director), Luís de Beres, Modesto da Camila, José da Martela, Ramiro da Benita, José de Bispo, Jesús da Sabela, Ramiro da Ghagha e Ramiro de Pos. Tiveron a xentileza de agasallar ós asistentes cantando as dúas partes desta comparsa histórica que fixo as delicias das máis de 300 persoas que acudiron ó acto.

A última xeira de homenaxe foi para as pandereteiras e bailadores de Mens. Nesta ocasión a mesa de conversa, tamén dirixida por Xosé Manuel Varela, estivo formada polas dúas pandereteiras que aínda permanecen vivas (Adelia Rey Torrado, de 92 anos, e Teresa Lema Varela, de 88 anos), por familiares das pandereteiras e bailadores falecidos e completouse coa presenza de José Manuel Fernández Pensado, actual director artístico da Agrupación Folclórica Aturuxo da Coruña.

A xornada concluíu de modo festivo. As pandereteiriñas do Río dos Píos interpretaron o “Canto de traballo de Piñeiro de Viladabade” e o “Valse de Liñares”. O gaiteiro Nico Pose López tocou a peza cantada “Ai, corazón”. A última actuación correu a cargo da Agrupación Folclórica Aturuxo que puxo en escena, entre outras, as tres pezas musica e danza que recolleron en Mens os seus dous directores artísticos (Manuel Cajaraville e José Manuel Fernández Pensado): o maneo de Mens, a punteada de Mens e a pandeirada de Mens.

Novas relacionadas

Fonte

  • Crónica e fotos da man de Xosé Manuel Varela.

Comentarios