A Asoc. Vieiro espalla os seus programas de preveción a Vimianzo e Malpica
Espalla as súas actividades de prevención no eido escolar. Ademais de estar en numerosos centros educativos da comarca de Bergantiños, a vindeira semana comezan no CEIP Milladoiro de Malpica os programas de prevención de condutas adictivas para o alumnado de Primaria cos seguintes obradoiros: “O labirinto das emocións” para o alumnado de 1º e 2º de primaria, “No xardín cos meus amigos” para o alumnado de 3º e 4º de primaria, e “Creando saúde” para 5º e 6º de Primaria.
Con “O labirinto das emocións”, a Asociación Vieiro traballa na prevención das condutas de risco dende idades temperás fomentando a toma de conciencia das emocións, promovendo así factores protectores fronte a condutas ou situacións de risco.
O programa “No xardín cos meus amigos” ten como obxectivo contribuír ao desenvolvemento psicoafectivo, á adquisición de hábitos saudables e de benestar, e á iniciación dun traballo preventivo de condutas de risco a idades máis temperás.
O programa "Creando saúde" consta de tres bloques: "Construír", que proporciona ao alumnado as habilidades necesarias para a súa vida diaria; "Ti elixes" ofrece información sobre as diferentes substancias adictivas ás que poden ter acceso os nenos e "Desconectar" achega coñecementos básicos para o uso das novas tecnoloxías dun xeito saudable e responsable.
Tamén no ámbito educativo, neste caso co alumnado de Secundaria, estanse a poñer en marcha no IES Terra de Soneira de Vimianzo os programas "Triángulo da Saúde" e "Regular".
O programa “Triángulo da Saúde” está composto por tres obradoiros: “I Love Myself”, que busca dotar ao alumnado das habilidades necesarias para a súa vida diaria; “Clicking”, que achega coñecementos básicos para utilizar as novas tecnoloxías de forma saudable e responsable e “Con Extremo Coidado”, que pretende achegar información sobre as distintas substancias adictivas ás que poden ter acceso os nenos.
"Regularte Bien" é un programa sobre a xestión das expectativas autoimpostas e a ansiedade de proba, a frustración académica e a xestión do teu tempo.
Os programas serán impartidos pola educadora social Tamara Rodríguez Pereira.