Malpica prepárase para a eclipse total
Xa repasamos unha guía completa sobre onde ver a eclipse total na comarca, deste mécores 12 de agosto. Un dos mellores Concellos onde velo é Malpica, onde o Concello habilita varios puntos de observación, reforza o operativo especial e pon en marcha un servizo especial de autobuses para facilitar o acceso a Punta Nariga
O operativo municipal contará con arredor de 35 efectivos, entre Policía Local, Protección Civil, socorristas, persoal de información e coordinación, que estarán distribuídos nos diferentes puntos de observación habilitados polo Concello.
Un programa de actividades que comezou en marzo
Desde o pasado mes de marzo, o Concello de Malpica impulsou un amplo programa de charlas divulgativas e actividades de formación e sensibilización arredor do fenómeno astronómico.
En total, o programa alcanza os 11 actos formativos, con tres charlas de carácter xeral e sete actividades relacionadas coa seguridade e observación do eclipse, contando a programación completada nos últimos días.
Entre as actividades desenvolvidas estiveron as charlas de Óscar Blanco (Caza Eclipses), Virxinia Barros, Antón Noceda, así como a conferencia ofrecida onte por Jorge Mira, catedrático da Facultade de Física da USC, baixo o título “Unha cita co ceo”, acompañada do peche poético de Gema Millán (Lady Poet).
As actividades vinculadas ao eclipse reuniron a máis de 500 persoas, cifra que o Concello prevía superar coa celebración dos últimos actos.

Onde observar o eclipse en Malpica

O Concello recomenda especialmente os puntos de observación establecidos e lembra que a mellor opción é seguir sempre as indicacións dos dispositivos de seguridade e do persoal responsable. Entre os lugares sinalados figuran:
• Paseo Marítimo de Malpica, no tramo comprendido entre o Bar O Océano e O Calderón.
• Cabo de Santo Hadrián / Monte de Beo, por enriba da Ermida de Santo Hadrián.
• Punta da Moa, en Barizo, na zona da cetaria A Ostreira.
• Punta Nariga, onde se habilitou un dispositivo especial de acceso.
No caso de Punta Nariga, o acceso por estrada permanecerá pechado ao tráfico rodado de vehículos particulares. Para facilitar o desprazamento das persoas previamente inscritas, o Concello habilitou un servizo especial de autobuses.
Servizo especial de autobuses a Punta Nariga
Os autobuses sairán de Malpica ás 17:30 e ás 18:30 horas, realizando parada en Pedra Queimada, na entrada do campo de fútbol.
Os regresos desde Punta Nariga están previstos para as 21:30 e as 22:30 horas.
O dispositivo habilitado para Punta Nariga conta con 220 prazas, con reserva previa a través da Oficina de Turismo do Concello.
Tamén en Buño con O Quinteiro
A familia do Quinteiro de Buño organiza tamén unha tarde de música e eclipse, co concerto de A MÁQUINA DE METER MEDO programado para este mércores durante a eclipse. que finalmente será ás 19:30 na Rúa da Boa Vista (Campo da Culpa) de Buño
O momento da totalidade
O eclipse comezará a ser visible en Malpica arredor das 19:30 horas. A fase de totalidade terá lugar aproximadamente ás 20:28 horas, dependendo do punto concreto de observación.
No Paseo Marítimo de Malpica, por exemplo, a totalidade comezará ás 20:27:56 horas, alcanzará o seu máximo ás 20:28:20 e rematará ás 20:28:44 horas. O eclipse completo finalizará ás 21:22:06 horas.
A seguridade, unha prioridade
Desde o Concello lémbrase que nunca se debe mirar directamente ao Sol sen protección específica, nin sequera durante as fases de parcialidade. A información divulgada nas diferentes charlas de seguridade insistiu na utilización de gafas específicas para eclipses homologadas, que deben cumprir a norma ISO 12312-2 e levar as marcas correspondentes.
Non deben utilizarse gafas de sol convencionais, radiografías, carretes fotográficos, máscaras de soldador nin outros sistemas improvisados.
Tampouco se deben empregar prismáticos ou telescopios se non dispoñen de filtros solares específicos correctamente instalados.
A única excepción será durante os escasos instantes de totalidade, cando o Sol estea completamente cuberto pola Lúa, momento no que se poderá observar sen as gafas. En Malpica, esta fase durará aproximadamente 48 segundos, dependendo do punto de observación.

