Vintesete grupos de toda a comarca participaron na 11ª Foliada de Cerqueda que se celebrou o sábado
Estaba anunciada como unha gran foliada. E así foi. As muiñeiras, os maneos, os valses e os bailadores encheron de festa a contorna das escolas das Pozacas. Alí celebrouse a onceaba edición da Foliada de Cerqueda organizada por unha renovada asociación cultural Raigañas. O evento non é casual e resume ben os 37 anos de tradición da entidade. En Cerqueda hai un forte movemento asociativo liderado por xente nova e unha canteira de pandereteiras e bailadores que son a envexa de calquera vila.
Vintesete grupos de toda a bisbarra (Baio, Neaño, Muxía, Verdillo,...) e de fóra dela (A Coruña, Santiago,...) encheron de baile e música a noite. En total foron 230 os músicos que se subiron ao escenario para saciar aos bailadores que ateigaban a carpa e que por momentos comprobaron que o torreiro se quedaba pequeno.
O grupo de pandereteiras As Bouba presentaron o seu disco na Foliada de Cerqueda
"Houbo moita xente, incluso máis que en outros anos", comenta Xacobe Nieto, presidente da A.C. Raigañas. Na programación tamén estaba incluido o grupo de pandereitas As Bouba que presentaron o seu primeiro disco "Vinculeiras".
Sete grupos de nenos e nenas participaron na Foliadiña que comezou ás 20 horas
Dende a organización sinalan que tamén foi un éxito a Foliadiña, que xa vai pola súa quinta edición, e na que participaron sete grupos de nenos e nenas da comarca. Demostraron que o relevo está garantizado.
Ducias de bailadores e bailadoras encheron de festa a carpa ubicada nas Escolas das Pozacas
Despois do merecido descanso, os organizadores xa teñen en marcha a 12ª edición da Foliada de Cerqueda!