Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Cando o patrimonio se converte en festa e identidade

Cando o patrimonio se converte en festa e identidade
Voluntarios na Croa do Castro

Cando o patrimonio se converte en festa, Galicia recupera parte da súa historia e da súa identidade. Iso foi o que aconteceu este sábado en Cerqueda, Malpica, na limpeza e recuperación dun castro que reuniu a veciños, asociacións, turistas e voluntarios nun proxecto de arqueoloxía social.

As bicis da Agrupación Ciclista Croa do Castro, os cabalos da Asociación Cabalar Os Veteranos, as pandeiretas das pandereteiras da Raigañas, os veciños da Monte D’Arxa, os parrandeiros da Comisión de Festas… Así ata 250 persoas pasaron este sábado a coñecer máis de preto a que se está armando na Croa do Castro de Cerqueda, ese proxecto fetén de arqueoloxía social, que devolve o patrimonio ás mans da cidadanía.

Bicis cabalos e pandeiretas mesturaronse con arqueoloxia na Croa do Castro de Cerqueda-Malpica

E así de interesados se amosaron os veciños, que quixeron participar na primeira xornada de voluntariado. Moitos sacaron o sacho e se puxeron a desbrozar para abrir paso entre o toxo para proceder en vindeiras sesións de traballo a excavar. Outros simplemente se achegaron á visita guiada, para aprender, da man dos arqueólogos do proxecto, a entender como son os restos das fortalezas da Idade do Ferro que enchen a Costa da Morte e Galicia. Da man dos arqueólogos Jano Laíño e Fiodora López, puideron xa is descubrindo as súas murallas, e outros segredos agochados baixo a vexetación, así como era a vida nel hai máis de 2.000 anos.

O arqueologo Jano Laino explicando a Croa do Castro de Cerqueda

Houbo tempo para o sacho, que tamén colleu o alcalde da localidade, Eduardo Parga, pero tamén para o disfrute e para a aprendizaxe nestas xornadas lúdicas, festivas e de contacto coa cultura científica. Así as Raigañas fixeron as delicias dos asistentes cos “pasacroas”, a versión castrexa do pasarúas. Pola mañá houbo rutas para os veciños, e pola tarde tocaba rutas para todos os públicos guiadas por Xabier Couto Castro.

No proxecto, no que colabora o concello, traballa un equipo multidisciplinar de tres arqueólogos, dirixidos por Fiodora López Patiño e coordinados por Manuel Gago, xornalistas e especialistas en turismo que pretende, coa axuda veciñal e voluntarios, reactivar culturalmente este espazo.
Boa parte do castro é de titularidade municipal o que facilita as labores de posta en valor. Na limpeza deste sábado participaron 25 voluntarios, algúns da parroquia e outros chegados desde distintos puntos de Galicia. Haberá unha segunda acción o vindeiro 11 de abril, na que ademais de limpeza do castro, haberá outra xornada máis técnica, coa presencia de especialistas do CSIC.

Voluntarios desbrozando na Croa do Castro de Cerqueda Horas de sacho na xornada de voluntarios da Croa do Castro de Cerqueda

Máis información

Novas relacionadas

Novas sobre o Parque do Megalitismo

Máis novas arqueolóxicas

Fonte

Comentarios