O Concurso de Barcanas e Castelos de Area, unha das citas máis queridas do verán malpicán

Continúan as Festas do Mar de Malpica a tope. Pero un dos fitos xa aconteceu, como foi o XXIV Concurso de Barcanas e Castelos de Area de Malpica. Con máis de dúas décadas de historia, a cita reafirmouse como unha das citas máis queridas do verán, convertendo a praia nun escaparate de tradición, imaxinación e participación veciñal.

A cita desenvolveuse o venres na praia de Malpica e volveu reunir a centos de persoas. Este ano participaron arredor de 80 concursantes, consolidando o certame como un dos máis multitudinarios e populares da Costa da Morte.

Na categoría de Barcanas, o trofeo doado pola Asociación de Amas de Casa de Malpica foi para a barcana Malpica, recoñecida polo seu simbolismo e coidado detalle.
O premio á Mellor Obra Infantil recaeu en “A tartaruga”, galardón entregado por Rodrigo Mato Garrido, quen destacou a imaxinación e o entusiasmo dos máis pequenos.

O Premio Especial do Público, moi disputado, foi para “Clave de Sol”. O trofeo, doado polas Atadoras Mar da Illa, entregouno Luis Miguel Fernández García.

Na Categoría Amateur, os tradicionais trofeos elaborados polos oleiros de Buño volveron ser protagonistas. O primeiro premio foi para “Despois da Faena”, entregado polo alcalde Eduardo Parga Veiga. O segundo posto correspondeu a “A Pandeireta do Polbo”, recibido da man da concelleira Noelia Freijero, e o terceiro premio foi para “O Lazarillo de Tormes”, entregado polo concelleiro Miguel Ángel Fernández Mirás.