A Deputación da Coruña comprométese a crear un grupo de traballo para acadar melloras infraestruturais en Malpica

Imaxe da visita institucional do presidente da Deputación Provincial da Coruña en Malpica.

O presidente da Deputación Provincial da Coruña, Valentín González Formoso, comprometeuse a crear un grupo de traballo para acadar melloras infraestruturais no Concello de Malpica. A vila recibiu hoxe a visita institucional do presidente da entidade provincial, ao que acompañou o alcalde de Malpica, Walter Pardo, e algúns dos membros tanto do equipo de goberno como da oposición.

Realizaron unha visita á instalación da empresa Forjados El Progreso, para coñecer a súa actividade. Ás 13:00 horas, o presidente da institución provincial foi recibido polo alcalde na Casa do Concello.  Tamén visitaron a Confraría de Pescadores, onde puideron contemplar algunhas das obras que Urbano Lugrís pintou en Malpica; e a Lonxa e o Fogar do Pensionista, acompañados dos membros do goberno municipal.

Pola súa banda, o alcalde de Malpica, Walter Pardo, sinalou que “o noso concello ten o anhelo de deixar de ser un territorio periférico e arraigar poboación. Para posibilitar este obxectivo, son moitos os retos que temos trazado, e gustaríanos contar co apoio da Deputación Provincial”.

En palabras do presidente da Deputación, Valentín González, “esta visita serve para coñecer a realidade da vila de Malpica. Faremos un exame realista e o meu compromiso é facer un grupo de traballo para aportar ideas, todo para revitalizar esta vila da Costa da Morte. Hai que escoitar a todas as persoas, ter en conta as tendencias e cales son os camiños a tomar", aportaba González.