Libros, poesía, tradición, teatro e exposicións en Malpica polas Letras Galegas

A concelleira Noelia Freijeiro facendo entrega do libro dos Bolechas nos centros de ensino malpicáns

Días de vertixe cultural en Malpica co gallo do programa municipal das Letras Galegas. Estes días xa os centros educativos e a Biblioteca Municipal de Malpica están recibindo novos libros relativos ao escritor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2022, Florencio Delgado Gurriarán. A concelleira de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes, Noelia Freijeiro, foi a encargada de facer a entrega de moitos exemplares de “Os Bolechas. As miñas primeiras Letras” e “Florencio Delgado Gurriarán. Polos vieiros da saudade", asinado por Héctor Cajaraville.

As publicacións entregadas na Biblioteca Municipal compartirán estes días, ata o 31 de maio, espazo coa exposición en torno á obra do poeta nacido na aldea Córgomo, no concello ourensán de Vilamartín de Valdeorras.

Cea das Letras

Ademais este venres, 13 de maio, presentarase a obra gañadora do XVI Certame de Poesía Erótica “Illas Sisargas”: Edénicas de Andrea Fernández. Será ás 19.00 horas, na Casa do Pescador, nun acto organizado pola A.C. Caldeirón no marco da Cea das letras.

Muiñada

E o sábado 14 está programado un evento lúdico coa representación de Muiñada, a cargo da ompañía Galeatro. Ao remate os asistentes terán a posibilidade de realizar unha visita guiada pola contorna da Área Recreativa de Río de Vaa. Para os interesados a entrada será de balde, sendo unicamente preciso inscribirse antes do comezo da actividade, ás 17.30 horas.

Exposición e teatro

Teatro e letras en Malpica

Xa o martes 17 de maio, inaugurarase o novo espazo expositivo “Non canto por cantar” no Centro de Artesanía e Tradición (antigo Centro Comarcal de Bergantiños). As 12.00 horas abrirá as portas a mostra que reúne imaxes gráficas e documentación na que se fai un percorrido pola historia da música e baile tradicional de Galicia e que aínda se mantén vivo a través das actuacións dos mozos e mozas. O acto contará coa participación das asociacións locais Raigañas, Malante e Carcaxía que interpretarán pezas do Concello de Malpica.

Ademais, o mesmo martes 17, ás 17:00h, acolle unha representación da vida de Rosalía a través dunha obra de teatro homónima representada pola compañía Culturactiva Producións.

A programación do día 17 complétase ás 18.30 está previsto o concerto de música infantil: Charo Pita co espectáculo A familia Papaventos, na praza Anselmo Villar Amigo.