Malpica conmemora el 8M con un acto institucional en la Praza Villar Amigo

Malpica conmemorou esta mañá dominical o Día Internacional da Muller cun acto institucional celebrado na Praza Villar Amigo, no que participaron veciñanza e integrantes da corporación municipal.

Durante o encontro procedeuse á lectura do manifesto institucional, a cargo da concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Marisol Blanco Gorín.

Os actos organizados con motivo do 8M continuarán o sábado 14 de marzo ás 20:00 horas no auditorio do Centro Cívico. Alí representarase a obra “Mulleres que viven soas”, interpretada por Paula Carballeira, María da Pontraga e Vero Rilo, baixo a dirección de Nuria Sanz e Chiqui Pereira. A peza toma como referencia as tres bruxas de Macbeth para reflexionar sobre a mirada social cara ás mulleres e sobre como viven e se perciben dentro das súas propias casas.

 

Manifesto: 8 MARZO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Hoxe, 8 de marzo, conmemoramos o Día Internacional da Muller, unha data para reflexionar, recoñecer e reivindicar o camiño recorrido polas mulleres na súa loita por unha sociedade máis xusta e igualitaria. Tamén é un día para recordar que, a pesar dos avances acadados, aínda quedan retos importantes por superar.

Durante décadas, moitas mulleres abriron camiño con esforzo, valentía e compromiso. Gracias a esa loita colectiva, hoxe contamos con máis dereitos, máis oportunidades e unha maior presenza das mulleres en todos os ámbitos da sociedade. Porén, a igualdade plena aínda non é unha realidade.

Un dos exemplos máis claros desta desigualdade segue a ser a BRECHA SALARIAL, que fai que as mulleres continúen cobrando de media menos ca os homes por traballos de igual categoría. A isto súmanse outras realidades como a maior carga nos coidados no entorno familiar, as dificultades para acceder a determinados postos de responsabilidade ou as violencias que moitas mulleres seguen sufrindo polo simple feito de selo.

Desde o Concello de Malpica reafirmamos o noso compromiso firme coa igualdade entre mulleres e homes.

Sabemos que avanzar cara a unha sociedade máis xusta require do traballo constante das institucións, pero tamén da implicación de toda a veciñanza.

Recentemente, o noso concello foi recoñecido co distintivo SG CITY 50-50, un galardón que pon en valor o traballo realizado e o compromiso coas políticas de igualdade. Este recoñecemento anímanos a seguir traballando con máis forza, impulsando iniciativas que favorezan a igualdade de oportunidades e que contribúan a construír un municipio máis xusto e igualitario.

Neste 8 de marzo queremos tamén agradecer e recoñecer o papel de todas as mulleres de Malpica, a esas mulleres que abriron o camiño antes ca nós, ás que continúan loitando hoxe e ás xeracións máis novas que seguirán avanzando cara a un futuro mellor.

Porque a igualdade non é só unha meta, senón un camiño que debemos percorrer xuntas e xuntos cada día.

Dende o Concello de Malpica seguimos traballando para que a igualdade sexa unha realidade plena no noso municipio, e neste 8M, renovamos o noso compromiso para seguir avanzando cara a unha sociedade máis xusta, igualitaria e libre para todas as persoas.

 

Outras novas