Malpica “josará” cos Heredeiros da Crus no Nordestazo Rock 2012

14 de xullo. Xa hai data fixada para ver aos resuicitaos Heredeiros da Crus na Costa da Morte. Será Malpica o feudo no que se reestreen na bisbarra, no marco do IV Nordestazo Rock que artella a A.C. Tralla de Malpica para este 14 de xullo de 2012. De feito, en cada vila da bisbarra xa se canta aquelo de "De Muxía a Malpica hai 4 metros e medio".

A banda demostrou en Ordes do que é capaz. No que xa podemos catalogar como un concerto histórico, milleiros de fieis corearon todas e cada unha dos temas da banda, convertido aos Javi, Toñito e compañía nunha verdadeira lenda, de novo viva, da música ghallegha daghora.

Evidentemente serán o cabeza de cartel do Nordestazo 2012. Un Nordestazo que completará o cartel ao longo deste mes, pero que xa conta coa banda viguesa Moon Cresta, que traerán o seu funk con acento californiano, ou o pincha Dj Toño.

Entradas que voan

Se para a reestrea 20 anos despois tardaron 2 días en vender as máis de 3.000 entradas que acollía o pavillón de Ordes, haberá que estar rápido para conseguir as entradas do Nordestazo 2012. Unhas entradas que se porán á venta este venres 16 de marzo, a través da web, aínda non activa, www.nordestazorock.com. Segundo nos conta o propio Santi Romay, as primeiras 1.000 entradas custarán 6€ e a partir de aí pasarán a custar 10€.

Vai haber que apurarse para facer con unha sexa cal sexa o prezo, que non é prezo para tremendo espectáculo.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).