Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Escolma de bandas costeiras – A Axenda Sonora da Costa da Morte segue crecendo

Escolma de bandas costeiras – A Axenda Sonora da Costa da Morte segue crecendo

Continúa crecendo a música (non verbeneira) na Costa da Morte. Cada vez son máis as bandas que proliferan polas vilas da bisbarra, e o que é se cadra máis importante, máis "garitos" comezan a abrir os seus espazos para a celebración de concertos. Con todos, estes días comprobábamos que apenas hai media ducia de bandas anotadas na Rede Cultural da Deputación, unha cifra ben pequena que agardemos vaia crecendo o vindeiro ano.

Ademais a Axenda Sonora da Costa da Morte segue crecendo, así como a cantidade e calidade dos nosos festivais. Botamos de menos aquela época da movida bravú cos Impresentables de Vimianzo ou dos carballeses Metro, pero a bisbarra vai recuperando o ton gherrilleiro.
Xa saben que a Axenda Sonora é o espacio para os festivaleiros da bisbarra, e xa son case 1.000 os siareiros que ten polo Facebook. Se queredes estar ao día da actividade festivaleira estade atentos ao seu Calendario de Festivais da Costa da Morte 2011.

Xa botamos un ollo sobre como se van desenvolver os Festivais do Nordestazo Rock de Malpica, o Sereas e Piratas de Razo e o Festival Con V de Valarés.
E unha das grandes novas deste último ano é a volta do Atalajazz de Laxe, que este ano terá lugar o venres 12 de agosto da man do Hot Club de Laxe.

Nova sección musical en QPC

En breve abriremos unha nova sección de música recén traída dende Barcelona e pasando por Caldebarcos. A través da bitácora As lendas do Breixo iremos traendo bloques musicais de aquí, de alá, de agora e de sempre.

Pequena colleita

O pasado 2008, comezamos en QPC unha Colleita de "música ghallegha daghora". E hoxe, mergullándonos na rede costimorteña, traemos unha escolma de vídeos do que están a facer os grupos de música da Costa da Morte. Rap, electrónica, rock, pop, charanga, blues... Un pouco de todo.
Deixamos, iso si, para outra ocasión, algunhas bandas de folk, máis prolíficas na zona como A Crus de Baixar, Fol Baleiro ou Fol de Veneno, así como os grupos carballeses como Killer Cats, The Cerne... que son todo un mundo.
Así, iremos coñecéndoos a todas estas bandas unha por unha un pouco mellor nas vindeiras semanas.

E non o pensedes, se alguén quere participar con nós creando contidos, podedes poñervos en contacto en [email protected].

Los Justicieros (Malpica)

Estes bravos e divertidísimos malpicáns xa forman parte do circuito da música alternativa galega.
Aquí vos deixamos coa súa eléctrica actuación que abría o Festival Con V de Valarés 2010.

LeoKcH (Camiños Chans, Cee)

Trala súa última aparición cantando o Ave María a coro cos Nativos Digitales, o rapeiro ceense Leö Kch segue dando caña co seu verso.
Aquí vos deixamos coa súa actuación na Festa da Praia de Corcubión 2009.

Shorty Dacosta (Corcubión - Madrid)

Un dos músicos máis internacionais do panorama costeiro leva o nome Dacosta por toda a península. Afincado en Madrid e habitual das ondas da FM a través dos deportes de Onda Cero, este rapeiro-xornalista corcubionés fai de todo.

O Tren da Unha Show (Laxe)

Tremendos estes laxenses. Coa súa aposta achegada á charanga, levan varios anos optando á mellor canción do verán en Galicia. Divertimento en estado puro.

Os Centroles (Laxe)

Outra banda laxense de boa música. Aquí quedades co Hurricane dos Centroles acompañados de Antonio Rumbo Vidal no Pub A Ventana de Laxe.

ACES FULL (Cee - Corcubión)

Dende Cee e Corcubión, nace esta nova banda que polo de pronto ten versións tan tremendas como esta de The Stooges. Poderedes escoitalos no programa da radiONeria Super Freak Night Show, que presentan e dirixen dous dos seus integrantes, Jaky Traba e Alan Louzán. Aquí os vemos ensaiando no local de Nsaio de Corcubión.

Bakin´Blues (Sardiñeiro - Compostela)

Temos tamén a sorte de disfrutar da banda adoptiva na comarca de Fisterra na mesma Sala Capitol. De feito, este venres estiveron no Lounge Boulevard de Fisterra, o novo espacio para a música na vila do Cristo.

Fisterra`s Mafia (Fisterra)

Xa podemos mercar o primeiro EP do trío de pinchas Fisterras Mafia. A través de Beatport podemos mercar Finisterrae.

Terbutalina (Muros)

Os muradáns veñen de sacar un novo EP "Que-de-leite!", con 3 temas do seguinte LP "Broncodilatador", que veñen de grabar en Los Ángeles.
A súa seguinte actuación será este sábado 11 de xuño, ás 22:00h no Campo das Cortes - Muros, coa entrada de balde. Aquí os vemos en vivo en Catoria.

Trapos sucios (Muros)

Outros muradáns que non deixan de dar caña. Aquí os deixamos nun programa da TVG:

The Way (Ameixenda)

Dende Ameixenda levan dinamizando as poucas salas onde se poden facer concertos na comarca de Fisterra. Dende 1999, os Luís Carro e compañía levan dando caña co seu son "made in Costa da Morte".

Filloas on the Stone (Carnota)

Dende Carnota, un dos que máis actúan polas escasas salas da zona:

Sinkontrol (Ponte do Porto)

Dende a Ponte do Porto esta banda toma o relevo do rock que nos traía Materia. Levan só un ano dando caña pero xa deixaron ao Bar Saloon tremendo...

4 rHeSuS mOnKeYs (Ameixenda-Coruña)

Banda coruñesa con cantante de Ameixenda.

Abbey Road (Laxe-Cabana)

Novos cabaneses que fan dos seus ídolos unha homenaxe. A banda representa un tributo aos Beatles, dende Cabana de Bergantiños. Unha das cousas máis salientables é que falamos de rapaces de entre 16 e 18 anos, así que o futuro esta garantido.Aquí os vemos na Ventana de Laxe.

The Gone&Lost (Coruña - Costa da Morte)

Banda a cabalo entre A Coruña Costa da Morte que xa anda percorrendo as estradas do país co seu rock duro.

Kolision Frontal (Muros)

Estes rapaces muradáns de entre 15 e 19 anos xa levan un par de anos tocando por todos os escenarios onde lles deixan facer música. Aquí vos deixamos cunha Grabacion dun ensaio na Sala Nasmo de Muros realizado por Iria Priegue, Sergio González, Daniel López e Samuel Cardalda, e editada por Kolision Frontal.

Seaside Band (Corcubión-Muxía)

Nova banda de swing e blues formada por novos estudiantes de Corcubión e Muxía. Aquí vos deixamos cun concerto que deron nas Hortensias de Corcubión.

Máis información

Facemos un chamamento ás bandas da Costa, para non dubiden en poñerse en contacto con nós en [email protected] con todas as actuacións que leven a cabo na bisbarra e fóra dela.

Colleita de "música ghallegha daghora" en QPC

Fonte

Comentarios