Malpica prepara a súa nova Oficina de Turismo

Aínda non se decatan moitos dos concellos da Costa da Morte da importancia de ter activas as Oficinas de Turismo. Nunha zona na que o turismo se perfila como un dos grandes motores económicos, non se poden agochar e moito menos mantelas pechadas ou sen medios, como ocorre en lugares como a vila de Cee, onde a oficina está agochada, ou como o segundo punto máis visitado de Galicia, o Cabo Fisterra, onde por non ter, non teñen nin mapas nin internet. Semella que por Malpica teñen conta desa necesidade e solicitaron á Xunta a cesión dun treito da antiga estrada Carballo-Malpica, que se atopa sen uso, para a instalación dunha oficina de turismo.

Cambio de titularidade

Concretamente, refírese a un treito de 220 metros de lonxitude que na actualidade só é un resto sen uso que ten o seu inicio no p.q. 9+170 e o seu remate no p.q. 9+390 da mesma estrada, preto da glorieta coa estrada AC-422. Actualmente as conexións entre Carballo e Malpica fanse a través da estrada AC-418 pertencente á rede primaria básica; queda a estrada AC-414 como restos, pero mantense a súa denominación. Por iso, o concello solicitou o cambio de titularidade desta vía co obxecto de instalar unha oficina de turismo aproveitando un dos carrís dos restos da estrada, de xeito que o outro funcionaría a modo de vía de servizo. Cómpre precisar que a entrega da vía se formalizará, no prazo de dous meses seguintes á publicación do decreto no Diario Oficial de Galicia (DOG), mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Novas relacionadas

Fonte

  • Xunta de Galicia.