Malpica vólcase co 8M

Malpica xa leva unhas semanas co chip posto no Día Internacional da Muller. Xa demos conta dos obradoiros de olería para mulleres e da singular proposta das “Zoquiñas Vermellas”, que tanta repercusión van ter.

Pero o programa socio-cultural cobra xa máis protagonismo, e de aquí ao 8 de marzo haberá numerosas actividades, artelladas dende o Concello de Malpica, a Asociación Visibles e a Olaría de Buño, en colaboración coas asociacións culturais do Concello. Un programa paralelo e compatible ás accións protesta que organizaron os colectivos de mulleres para eses días.

En suma, o 3 de marzo os CEIP Milladoiro e Joaquín Rodríguez Otero acollerán a presentación do libro “Cambiando o Conto”, ás 12:00 e ás 12:40 horas respectivamente. O 4 e 5 de marzo terá lugar o obradoiro ‘Mulleres Visibles’ no IES Urbano Lugrís.

O 6 de marzo presentarase de xeito oficial o proxecto “Zoquiñas Vermellas”, no salón de actos do centro comarcal de Buño ás 20:00 horas. O día 7 de marzo será a “Noite Lila”, na que haberá unha marcha de mulleres para reclamar os espazos públicos e o dereito a camiñar sen medo pola rúa. Será a partir das 19:30 horas. Ademais, a partir das 21:00 horas desenvolverase a segunda Foliada da A.C.D. Carcaxía, no Campo da Festa de Seaia.

Durante a mañá do 11 de marzo presentarase no IES Urbano Lugrís o libro “Cambiando o conto” a partir das 9:35 horas. O 13 de marzo haberá un faladoiro e unha exposición fotográfica, baixo o título “As mulleres da ribeira”, no salón de actos da Confraría de Pescadores de Malpica ás 17:30 horas.

O 14 de marzo haberá unha sesión de teatro coa representación da obra “A compañeira de piso” ás 20:00 horas no Centro Cívico de Malpica. E a partir das 00:00 horas, unha pinchada feminista a cargo de “As Comadres” e unha exposición fotográfica co título “Sen elas non hai música”, no Submarino Bar.

 

Novas do 8M

Novas do 8M malpicán