En marcha a creación dun establecimento turístico de 20 cabanas de madeira en Buño
O lugar de Piñeiro, en Buño, Malpica, acollerá unha nova infraestrutura hoteleira. Promovido polo Complejo Turístico Nordés, S.L. trátase dun aloxamento turístico rural, tipo cámping, que ocupará unha superficie total de 14.766 metros cadrados cunha capacidade máxima estimada de aloxamento de entre 96 e 118 persoas.
O campamento incluirá 20 cabanas de madeira -15 de 1 dormitorio e 5 de 2-, zona de acampada, área de aparcadoiro de caravanas, así como diversas instalacións de servizos -supermercado, lavandería de autoservicio, baños comunitarios, etc.- e ocio -piscina, parque infantil…-.
O DOG vén de dar luz verde ambiental con condicións ao proxecto. Segundo se conclúe no informe de impacto ambiental (IIA), “non son previsibles efectos adversos significativos sobre a contorna derivados do proxecto sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental como nos informes analizados, así como no programa de vixilancia ambiental deseñado ao abeiro da iniciativa”.
Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo -a Axencia de Turismo de Galicia- e dáselle publicidade hoxe a través do correspondente anuncio no DOG e da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.