Nova campaña en Malpica sobre o uso adecuado do Punto Limpo
O Concello de Malpica pon en marcha unha nova campaña de concienciación cidadá sobre o correcto uso do servizo de recollida de residuos voluminosos e do Punto Limpo, co obxectivo de manter as rúas limpas e mellorar a xestión dos residuos.
Na actualidade, está a producirse unha situación insostible na que moitos cidadáns depositan mobles e outros obxectos voluminosos en calquera día da semana, dificultando a xestión municipal dos residuos. Debido a esta problemática, o Concello lembra que non é posible dispoñer de persoal exclusivamente para vixiar estas accións, polo que se fai imprescindible cumprir coas normas establecidas. Días habilitados para a recollida de voluminosos:
- Primeiro martes de cada mes
- Terceiro luns de cada mes
Procedemento para a recollida:
Os veciños que necesiten desfacerse de mobles ou outros obxectos voluminosos deberán solicitar cita previa nas oficinas do Concello e indicar a cantidade de residuos que van depositar. Só así se poderá garantir unha recollida eficiente e organizada.
Alternativa: Punto Limpo de Ponteceso
Se algún cidadán precisa desfacerse destes residuos fóra das datas establecidas, poderá acudir ao Punto Limpo de Ponteceso, onde o servizo é totalmente gratuíto.