O BNG encontrouse co sector pesqueiro en Malpica de Bergantiños
30 de novembro de 2010 (07:17 h.)
Cotas e regulamentación
Genaro Amigo, patrón maior malpicán, fixo un bo repaso da situación do sector, e situou o debate nalgunhas das súas claves principais, que ao seu expor eran fundamentalmente dúas: as cotas e a regulamentación. A respecto das cotas, manifestou a escaseza das actualmente vixentes, e diante das negociacións que culminarán en aproximadamente un mes a nivel da Unión Europea, sinalou que un dos obxectivos vai ser obter para Galiza o 10% da cota da xarda, e que ademais se poida capturar este peixe xa a partir do mes de abril. Genaro Amigo insistiu na necesidade de axeitar as cotas á realidade do país, e cualificou como absolutamente insuficientes as actuais. Recordou que o ano pasado a pesquería se pechou en apenas 11 días, e que as artes menores o tiveron que facer só unha semana despois. Ademais da problemática das cotas tanto da pescada como da xarda, especialmente importantes para o porto malpicán, o patrón maior pediu que se actuase no eido da regulamentación, e dixo que as últimas normativas que se estaban aprobando (carné por puntos, obrigatoridade de diario electrónico, verificación da potencia...) van obrigar ao sector a amarrar e cesar na actividade.Roberto García solicita unha viraxe de 360 graos na política pesqueira
Roberto García, portavoz municipal do BNG, fixo un repaso pola política agraria e pesqueira común, e sentenciou que xa “non podemos axustar máis” e reclamou “que nos deixen vivir”. “Nós temos que defender o noso”. Roberto García anunciou iniciativas nos diversos ámbitos. Comprometeuse a presentar unha moción para o próximo pleno municipal na búsqueda da unanimidade dos grupos políticos en defensa do sector pesqueiro local, e comprometeuse a trasladar aos diferentes grupos parlamentares do BNG as propostas concretas e detalladas que se lle acheguen por parte da confraría.Bieito Lobeira pola decisión dende o país
Bieito Lobeira, deputado do BNG e portavoz en materia de pesca, sinalou que se están a vivir situacións “surrealistas e aberrantes”. O deputado do BNG comezou por situar o problema. “Non é un problema de recursos”, recalcou, ao indicar que o que está a acontecer é que non deixan pescar a Galiza para que poidan pescar outros e logo vendernos o peixe. Así, lembrou que mentres Galiza foi o territorio que máis buques perdeu dende a entrada na UE, outros países como Dinamarca triplicaron a súa frota no mesmo período. En resumo, Bieito Lobeira cualificou a política europea de “venda do sector pesqueiro galego”. A representación dos intereses galegos foi un dos eixos nos que Bieito Lobeira centrou a súa denuncia. A apenas un mes de que os/as ministros de pesca da UE decidan o reparto de cota pesqueira entre país, sinalou que o Reino Unido participará nesa xuntanza acompañado dunha representación escocesa. Pola contra, puxo en evidencia o absurdo da situación española: no Consello de Ministros/as de Pesca, ademais da ministra, o ano pasado estivo representada a comunidade de Castela e León; este ano, Castela A Mancha; e para a próxima, Estremedura.Divorcio entre normativa e realidade do sector
Bieito Lobeira, a raíz da cuestión formulada por Genaro Amigo, concordou en que as políticas que se aplican ao sector están feitas de costas a el. Bieito sinalou numerosas medidas que pretenden acabar co sector, dende a limitación da potencia (que este mesmo ano podería provocar o despece de 1200 embarcacións), a normativa de etiquetaxe de produtos, a obriga do diario electrónico...Máis actividade do BNG en Malpica de Bergantiños
O venres á noite o BNG mantivo un novo encontro na súa xeira de visitas polas parroquias. Desta volta foi en Leiloio, onde se deron cita moitas persoas para coñecer as últimas iniciativas do BNG no pleno da localidade e, sobre todo, para interesarse e mostrar o seu malestar pola nova Lei de augas aprobada polo PP no Parlamento Galego.Novas relacionadas
- O BNG malpicán crea unha comisión electoral para preparar os comicios.
- Novas protestas dende o sector polo novo seguro do mar e pola Lonxa Comarcal.
- A Asoar – Armega defendeu a Pesca Artesanal en Bruxelas.
Fonte
- Nota de prensa da man de Vítor Recarei Añón, Responsable comarcal do BNG de Bergantiños.