O pleno de Malpica defende o sector pesqueiro

Onte xoves, 9 de decembro celebrouse o Pleno ordinario do mes no Concello de Malpica. Un pleno no que non puideron estar o concelleiro non adscrito nin o Alcalde, pero que non impedíu que se debatisen diferentes propostas. Como as que presentou o BNG, que hoxe nos conta o resultado das súas mocións. Desta volta o BNG de Malpica presentou as únicas 3 mocións do día, que saíron aprobadas. Unha era sobre a Lei de augas que promove a Xunta e que os grupos locais do BNG están a presentar en todos os concellos da zona. Saíu aprobada cos 2 votos a favor do BNG, os 4 do PSOE e 1 do AIM, e cos 3 votos en contra do AVE e 1 do PP. Tamén presentou unha Moción contra os recortes sociais nos orzamentos da Xunta de cara ao 2011. Concretamente, pide que se manteñan "os recursos destinados ás rendas de integración social, axudas de emerxencia social, servizo de axuda no fogar, plan concertado e programa de servizos sociais; desenvolvemento do plan galego de inserción social, atención a comunidade xitana, a persoas sen fogar, apoio as familias e aos equipos de inclusión social". A proposta foi aprobada coa mesma votación.

Moción pola defensa do sector pesqueiro de Malpica

Por unanimidade foi aprobada unha moción en defensa do sector pesqueiro, que presentou o BNG tras reunirse co sector . O pleno malpicán teno claro: "Para os malpicáns é importante este mes de nadal, agora estáse a negociar as cotas e repartos para toda a frota: PESCADA e XARDA". Aseguran que "Non é un problema de recursos" e que "hai que conseguir máis cota". Para a xarda piden un 10% da cota total para a frota do CERCO e asegura que "con outro 1% da cota quedaría cuberta a chamada PESCA ACCIDENTAL (betas, volanta, miños, palangre)". Piden tamén "sacar a PESCADA do Plan de Recuperación e que se pase a un Plan de xestión co obxecto de aumentar o TAC e poder solicitar un incremento da cota actual nun 20-25%". Ademais pide á Xunta:
  • NON aplicación do DIARIO ELECTRÓNICO a barcos de menos de 24 m e descarguen todos os días en porto.
  • NON a aplicación do CARNÉ por puntos.
  • Manter o SEGURO DO MAR existente ata de agora como complemento do actual.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa do BNG de Malpica.