Os hostaleiros das Sisargas fórmanse en materia gastro-dixital

Onte daba comezo o programa de accións formativas incluidas no proxecto de turismo experiencial "Malpica. O mar de Sisargas". Ao primeiro dos cursos, denominado "Márketing para hostaleiros” e impartido polo presidente de Markea, Xosé Luis Reza, asistiron máis dunha docena de hostaleiros locais.

Xa indicamos en varias ocasións a necesidade de que o sector hostaleiro se dixitalice, se modernice, para poder estar a altura dunha clientela do século XXI, e sobre todo para poder realizar labores promoción na rede.

Pero non todo vaia a ser márketing. Polo que a vindeira xornada formativa será en clave gastronómica.
O chef Adrián Felípez será o encargado do próximo curso que terá lugar este xoves 19 (17.00 a 19.00 horas, Centro Cívico de Malpica). Nesta sesión teórica poñerá en valor os produtos locais extraídos do mar de Malpica baixo o título “Cociña local. Coidar os nosos tesouros” e ao xoves seguinte (26 de setembro) ensinará como cociñalos na sesión práctica que leva por nome “Microgastronomía. Taller de tapas”, que terá lugar na cociña de Fórum Carballo.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).