O pleno de Malpica aprobou o POS e debateu sobre sanidade pública e pesca
Tivo lugar este pasado xoves 29 de xaneiro o pleno no Concello de Malpica, no que se aprobou a participación do Concello no POS+ 2026, grazas aos 6 votos a favor do Grupo Municipal do PP e ás 6 abstencións de BNG e PSOE.
No marco deste plan, o grupo de goberno do Partido Popular propuxo unha distribución de fondos centrada na mellora de servizos básicos, infraestruturas deportivas e investimento no rural.
No apartado de obras, aprobouse:
- O bombeo de augas residuais en Seaia, cun investimento de 198.439,04 €.
- A mellora da cantina e das instalacións do Campo de fútbol de Pedra Queimada, cun importe de 92.386,32 €.
No apartado de gasto corrente, destinaranse 266.209,46 €, fundamentais para garantir o funcionamento e mantemento dos servizos municipais.
Así mesmo, dentro do Plan Complementario, inclúense:
- A mellora da eficiencia enerxética do Campo de fútbol de Xaviña, cun investimento de 59.993 €.
- O acondicionamento e mellora das instalacións das Escolas de Pontella, por un importe de 58.740,96 €.
Outras mocións
Durante o pleno tamén se debateron diversas mocións presentadas polos distintos grupos municipais.
Por parte do BNG, presentouse unha moción para a defensa e recuperación da sanidade pública, que foi rexeitada con 6 votos a favor (BNG e PSOE) e 6 votos en contra do PP, ao non compartir o Partido Popular a afirmación de que a sanidade pública galega estea a ser desmantelada.
Tamén se debateu unha moción relativa ás consecuencias para a frota artesanal galega da entrada en vigor do regulamento europeo de control da pesca, que foi aprobada por unanimidade.
O PSOE presentou dúas mocións, unha sobre o servizo de médico de familia no Centro médico de Buño, e outra sobre o servizo de pediatría do Centro médico de Malpica. Ambas mocións foron rexeitadas con 6 votos a favor (BNG e PSOE) e 6 votos en contra do PP.
O grupo de goberno popular asegurou no pleno que "a partir do luns ambos servizos quedarán restablecidos con normalidade", polo que o Partido Popular considerou "innecesaria a súa aprobación".
Pola súa banda, o Grupo Municipal do Partido Popular presentou unha moción sobre a necesidade de que o Goberno de España flexibilice e adapte as obrigas establecidas no regulamento europeo de control da pesca á realidade operativa da frota artesanal galega.
A moción saíu adiante con 6 votos a favor do PP e 6 abstencións de BNG e PSOE.
Para o PP, estas abstencións, non así a referente ao Centro de Saúde de Buño, desprenden "unha realidade preocupante: á oposición de Malpica parécelle mal que o Partido Popular defenda aos mariñeiros do noso concello e ao mesmo tempo lle reclame ao seu propio partido en Europa que non actuase ben no seu momento. Para o PP de Malpica, a prioridade é clara: estar ao lado da nosa xente do mar e defender os seus intereses por riba de siglas e estratexias partidistas".