Recuperando o patrimonio de San Adrián de Malpica

"A Romaría de San Adrián foi declarada oficialmente “De interese turístico”, pero faise abondo para recuperar, mellorar e enriquecer este tesouro do patrimonio local de Malpica?", pregúntase Adrián Abella, o mesmo veciño malpicán que hai uns meses propuña unha quincena de actividades para celebrar a romaría, que, por suposto, se celebra esta fin de semana.

E se pregunta iso Abella pensando en clave de patrimonio:

A Serpe

Según unha lenda “creada” nestas terras a partir do século V d.C., San Adrián chegou a Malpica para cristianizar ós indíxenas e loitar contra as antigas crenzas (simbolizadas na serpe). A serpe, coma antigo símbolo, aínda se conserva na fachada da igrexa parroquial (á esquerda na foro) e na casa co número 17 na rúa do Barreiro (á dereita).

O santo loita contra a serpe e véncea, deixando o recordo da loita na veta de cuarzo en perfecta forma de culebra (con ollo e lingua bífida incluída). Na punta sur do Lavadío da Barca hai dúas cazoletas, a grande formada polo pé do santo e a pequena pola cunca por onde bebeu. A auga da fonte na que bebeu San Adrián é milagreira. Mollando un pano na súa auga e pasándoo pola parte do corpo onde se ten o mal, ese mal desaparece (soe dárselle ese poder sobre as verrugas). Ó rematar hai que deixar o pano sobre as herbas do chan ou sobre as pólas do salgueiro que medra ó carón da fonte.

A xente de Malpica cre dende séculos neste santo milagreiro pero con certo temor, xa que se non se cumpre a promesa que se lle faga, unha desgracia máis grande caerá sobre que deixa de cumprir co prometido.

Enriba do portiño e da fonte hai edificada, dende fai centos de anos, a Ermida de San Adrián. Está situada nun chan da banda de nordés do monte de Beo, espléndida mole de ortogneis única en Galicia.

San Adrián veu navegando e “atracou” o seu barco ó carón da punta da Gaia. O barco quedou convertido en pedra, formando un pequeno portiño que os mariñeiros de Malpica chaman O Pozo de San Adrián.

Hoxe toca falar da Romaría deste próximo domingo, día 16 de xuño, pero o Monte de Beo está cheo dunha riqueza patrimonial e dunhas tradicións que merecen dun coidado dos seus camiños de carro e sendeiros de pescadores para disfrutar veciños e visitantes. O actual desaproveitamento é un crimen aínda maior nestes últimos tempos, denuncia Abella.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).
  • Información e fotos de Adrián Abella.