O Concello de Mazaricos impulsa a creatividade e o benestar social con cursos de manualidades e pintura para adultos
O Concello de Mazaricos anuncia a posta en marcha de novos cursos de manualidades e pintura dirixidos a persoas adultas, que se
desenvolverán entre outubro de 2025 e marzo de 2026. Esta iniciativa, organizada dende a Concellería de Cultura, ten como obxectivo fomentar a creatividade, promover a socialización e ofrecer un espazo de aprendizaxe e lecer para a poboación adulta do concello.
Os cursos, impartidos en sesións semanais de dúas horas na Casa da Cultura de Mazaricos, abranguerán diversas técnicas artísticas e de manualidades, adaptándose tanto a persoas iniciadas como a quen queiran explorar estas disciplinas por primeira vez. As actividades están deseñadas para favorecer a desconexión, o desenvolvemento persoal e o traballo en grupo nun ambiente distendido e inclusivo.
As persoas interesadas xa poden formalizar a súa inscripción ata o 29 de setembro directamente na Casa da Cultura ou a través do teléfono 981 867 195. As prazas son limitadas, polo que se recomenda realizar a inscrición con antelación para garantir a participación.