A conexión mazaricá do maior alixo de cocaína de Galicia
13 de decembro de 2023 (07:58 h.)
A Policía Nacional presentaba este martes o meirande alixo de cocaína da historia de España. 7.500 quilos de droga que entraba, a través dunha rede de narcotraficantes albaneses, polo porto de Vigo oculta entre caixas de atún conxelado, segundo informaba a Udyco Central.
O alixo ten unha conexión con Mazaricos, xa que este mesmo martes entraba en prisión o dono dunha nave no Espíritu Santo, en Cambre, que era usada por organizacións criminais tanto galegas como balcánicas para gardar droga antes da distribución peninsular e europea. Trátase de B.S.P., propietario da empresa de Cambre que se dedica ao comercio ao por maior de pescado e marisco conxelado con Sudamérica, e supostamente utilizaría o seus contedores para transportar a droga.