Aprobada unha planta para producir biometano a partir de residuos do sector gandeiro nas Maroñas
A Xunta aprobou o pasado venres o informe de impacto ambiental dunha planta de valorización de residuos para a produción de biometano en Mazaricos. A planta, promovida por Biometano Galicia SL, que se instalará concretamente nas Maroñas, conta coa aprobación ambiental da Xunta unha vez que “non se prevén efectos adversos significativos sobre o medio ambiente”.
A iniciativa contempla a implantación dunha planta de valorización de residuos orgánicos procedentes de actividades gandeiras. Entre os materiais previstos figuran o xurro de vaca, o esterco, a palla e outros residuos orgánicos vinculados ao sector primario. O proceso realizarase mediante dixestión anaerobia, unha técnica que permite transformar estes residuos en biogás para a posterior produción de biometano. Ese biometano incorporarase á rede de gas actual, co obxectivo de aproveitar residuos de orixe gandeira para xerar unha fonte de enerxía renovable. A resolución ambiental supón así un paso máis na tramitación dun proxecto que busca combinar a valorización de residuos orgánicos coa produción de gas renovable no rural galego.
