A tapa do Asador Manduca, a escollida polo público mazaricán

Tapa Asador Manduca

A tapa de brioche de carrilleira, siracha e apionabo do Asador Manduca, na Picota, resultou a máis votada polo público na Ruta das Tapas 2022 do Concello de Mazaricos, celebrada no marco da Semana Gandeira.

Por outra banda, Rubén Santiago Blanco resultou agraciado no sorteo realizado entre todas as persoas que votaron polas súas tapas favoritas. O gañador do sorteo recibirá como premio unha cea por valor de 80 € nun dos restaurantes participantes na ruta. Nesta edición de 2022 conformaron a ruta sete locais do municipio: o restaurante EFE-EME, Casa Jurjo, a Pizzería Pinocchio, o Asador Manduca, Casa Senra, Casa Pego e o Hotel Rústico Santa Eulalia.

O concelleiro de Promoción Económica do Concello de Mazaricos, Jorge Sanmartín, fixo entrega do diploma acreditativo a David Carreira, do Asador Manduca.