Os tres grupos municipais de Mazaricos aproban por unanimidade unha moción para esixir melloras urxentes nas redes de comunicación
Como xa avanzamos a comezos de semana, os tres grupos municipais con representación no Concello de Mazaricos –Bloque Nacionalista Galego, Partido Popular e Espazo Común– aprobaron por unanimidade no pleno celebrado 14 de novembro de 2025, unha moción conxunta para esixir melloras urxentes nas redes de distribución eléctrica, internet e televisión, ante os continuos cortes que padece a veciñanza do concello.
A moción, titulada “Necesidade de mellora e mantemento da rede eléctrica, da conexión a internet e das conexións á televisión no Concello de Mazaricos”, recolle as demandas da cidadanía ante unha situación que se fai “intolerable” e que afecta tanto á vida diaria como ao tecido económico e social do municipio.
Impacto na veciñanza e no sector produtivo
O texto aprobado sinala que os cortes recorrentes non só prexudican o día a día dos veciños e das veciñas, senón que tamén afectan a negocios locais, explotacións gandeiras – eixo principal da economía local– e as posibilidades de teletraballo. Ademais, recorda que Mazaricos conta cunha poboación envellecida para a que estes servizos son “a súa porta de conexión coa realidade e coa familia”.
Cinco medidas acordadas por unanimidade
A moción inclúe cinco acordos concretos:
- 1.Instar ás compañías a realizar un mantemento axeitado das liñas e a renovar as instalacións obsoletas.
- 2.Esixir ás operadoras unha redución nas facturas polos períodos sen servizo.
- 3.Reclamar á Consellería de Industria que garanta o cumprimento das obrigas por parte das empresas, incluíndo sancións se é preciso.
- 4.Solicitar á Deputación da Coruña partidas específicas para concellos de menos de 10.000 habitantes.
- 5.Dar traslado do acordo ás compañías, á Xunta de Galicia e á FEGAMP.
Mazaricos primeiro
Os tres portavoces asinantes –Juan Blanco (alcalde e voceiro do BNG), José Manuel Caamaño (PP) e Francisco Javier González (Espazo Común)– coincidiron en destacar a importancia desta unidade para defender os intereses de Mazaricos e a súa xente. “Hoxe demostramos que, por riba de siglas, está o benestar dos nosos veciños e veciñas”, sinalou o alcalde.