A palomita descobre Muros
A Semana Santa é unha das mellores datas para facer turismo e descubrir as tradicións relixiosas dos nosos concellos. Muros é, sen dúbida, un destino imprescindible neste sentido.
Degustar os produtos da zona, nos restaurantes e bares da localidade; desfrutar do valioso patrimonio histórico, artístico e monumental da Vila, impregnado dese inconfundible olor a mar, e contemplar o fervor e destreza dos cofrades, que procesionan facendo pasar as imaxes polas estreitísimas rúas do casco histórico (como se pode apreciar nas fotos da procesión do “Santo Enterro”), constitúe unha experiencia singular, moi valorada polos que visitan este municipio.
A explosión de relixiosidade da Semana Santa comezou o pasado Venres de Dolores, coa procesión da Virxe e rematará o Domingo de Resurrección, coa ”Palomita“, unha das poucas representacións desta natureza que existen.
A escenificación central da procesión da “palomita” comeza cando se abre o globo celestial, desde o que un anxo anuncia a María que Cristo resucitou dicindo: “non máis loito, raíña e soberana, que resucitou o voso fillo, aleluia, aleluia, aleluia”. Nese instante, soa a música, sóltanse pombas e a Virxe despréndese da capa de rigoroso loito, que ata ese instante vestía, aparecendo cun fermoso roupaxe branco, signo de felicidade e alegría.
Este acto é a culminación das celebracións litúrxicas da Semana Santa, pero ninguén debe perderse a procesión da “Santa Cea”, o Xoves Santo; nin ”O Encontro” ou a procesión do “Santo Enterro” o Venres Santo.
Un programa completo
A totalidade dos actos da Semana Santa de Muros, figura no cartel anunciador
Novas relacionadas
Fonte
- Reportaxe de Domingo Guerra para QPC (info@quepasanacosta.gal).