A alcaldesa de Muros lamenta que a Xunta "non asuma as súas competencias" en materia pediátrica
Levou esta semana o BNG a semana a precaria situación do servizo de pediatría de Muros e Carnota ao Parlamento Galego. E a negativa a tomar medidas do goberno popular volve provocar as críticas da alcaldesa de Muros, María Lago, que lamenta que a resposta do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, ás demandas dunha solución para as carencias no servizo de pediatría do centro de saúde “sexa evadir culpas achacando a responsabilidade a outras administracións”.
“As competencias de sanidade son da Xunta, non do goberno central”, sostén Lago, que manifesta ademais a súa sorpresa “polas declaracións do conselleiro na súa carta de resposta ás miñas peticións, xa que asegura que a asistencia sanitaria en Muros está garantizada”.
“Se as familias teñen que ir a Noia ou Outes cando non hai pediatra para os seus fillos de 0 a 3 anos, iso non é garantizar a asistencia sanitaria”, afirma Lago, que lembra que “o centro de saúde ten asignados dous pediatras e o único que pedimos é que se substitúa ao profesional que está de baixa desde hai máis dun ano”.
“O conselleiro traslada ademais a responsabilidade aos médicos de familia, que son grandes profesionais que xa contan cunha considerable carga de traballo; incluír os pacientes pediátricos no seu cupo o que vai facer e empeorar a situación tamén deles”, engade.
“A concentración do pasado sábado deixa claro cal é a opinión da veciñanza de Muros, polo que lamento que a postura da Xunta sexa dicir que non pasa nada e, en todo caso, que a culpa non é deles”, remata a alcaldesa de Muros.