Toda Carnota sae á rúa para esixir a recuperación do servizo de pediatría

Máis dunha vintena de entidades locais reuniron a máis dun cento de persoas este sábado 12 de abril na Praza da Pedra de Carnota para esixir a recuperación do servizo de atención pediátrica.
Representantes dos 3 partidos políticos, de máis de 20 entidades sociais, deportivas e culturais, e numerosas familias, realizaron esta demostración de unidade para reivindicar o restabelecemento dun servio tan fundamental.
A secretaria da ANPA deu lectura ao manifesto, no que expoñen as demandas da vila.
Manifesto
Salas de espera colapsadas, bebés que choran , pais e nenos que se impacientan … é unha estampa dun centro de saúde calquera, sobre todo si é época de gripe. Unha mostra que faltan pediatras.
Ou como no caso de Carnota no que xa non se ven os nenos xa que temos que desprazarnos para que os nosos fillos teñan un dereito esencial como é a SANIDADE.
As sociedades científicas de Pediatría e os expertos recomendan, de maneira documentada, un cupo de 800 nenos por pediatra que debería ser o obxectivo ideal para adicar aos menos 10 minutos a cada paciente. Isto non é a realidade, xa que teñen que atender revisións, consultas e claro urxencias xa que no pac non hai pediatra ca sobrecarga que supón isto ao especialista. Aunque claro para algunha diputada do parlamento non existe este problema xa que hai días que ten ocos na axenda, polo que non pasa nada.
O bo seguimento do médico de cabeceira ou da pediatra salva vidas iso é a diferencia entre un tratamento preventivo e un tratamento paliativo. Sen pediatra, pérdese o enfoque preventivo e integral da saúde infantil.
Os pediatras crean vínculo coas crianzas e as súas familias, detectando sinais precoces de problemas.
Un sistema que improvisa transmite inseguridade e desprezo polo benestar das crianzas. Pero claro isto non lle afecta a alguén que pode pagar unha privada.
Con esta situación quen vai querer ser pediatra , non pode depender todo da vocación, e os nenos serán atendidos por médicos de familia. É evidente que unha formación de 4 anos non pode ser igual a unha de 3 ou 4 meses. Recalcar tamén que as baixas de médico de cabeceira non se están cubrindo contando no Centro de Saude cun so médico.
Por que non mandan veterinarios ou dentistas de reforzo? Ou policías a dar clase, ou mestres a operar? Polo visto, todo serve menos recoñecer a verdade: que están desmantelando un dereito básico e facéndoo pasar por solución.
Afecta á articulación do territorio e á calidade de vida no rural.
Ter ou non pediatra non pode depender de onde vives.
Substituír pediatras por médicos de familia nos concellos pequenos é unha forma de discriminación territorial e en particular, de agudizar os problemas estruturais do rural.
Non se pode permitir que o lugar onde naces determine a calidade da atención sanitaria que recibes. Non somos cidadáns de segunda.
A quen non lle pasou levar ao neno ou nena a urxencias e ser atendido por un médico de cabeceira e darlle algún medicamento que non é recomendado para os nenos ou que a valoración dista da que dá a pediatra. Non son adultos en pequeno, son seres en crecemento e maduración que se diferencian dos adultos, particularmente nos seguintes aspectos: crecemento e cambios morfolóxicos, inmadurez do
sistema inmunolóxico, inmadurez orgánica, maduración sexual , patoloxia infantil, metodos de diagnóstico específicos para a idade…
Por iso a importancia de que teñan un seguimento axeitado.
Xa vai casi un ano que nais e pais vimos denunciando a falla do servicio de pediatría no centro de Saúde de Carnota, sumándose ahora a falta de enfermeiro pediátrico. Pretenden que o pediatra atenda a nenos e nenas menores de 3 anos e os maiores desa idade sexan valorados por médicos de cabeceira
Esta situación non é inevitable nin azarosa: é resultado de anos de recortes, xubilacións sen reposición e falta de planificación.
Hai solucións: mellorar as condicións laborais, convocar prazas, planificar con antelación… pero hai que querer facelo.
Demandamos unha sanidade pública e de calidade que garantice un futuro rural e cumpra a lei de impulso demográfico.
Por todo isto solicitamos ao Señor Conselleiro, de forma urxente, que proceda a cobertura inmediata da praza de pediatría e de enfermería pediatrica ao centro de saúde de Carnota.