O Camiño da Ría de Muros Noia e a Volta de Gloria promociónanse en Hungría
O Camiño da Ría de Muros Noia segue espallándose por Europa. Se o ano pasado era José Antonio de la Riera quen impartía dúas conferencias en Budapest e Szeged, nesta ocasión foi Rózsa Benedek quen presentou o Camiño da Ría de Muros Noia e o itinerario cultural e paisaxístico “Volta de Gloria” en dúas sesións impartidas no Szent Jakab Zarándokút (asociación do Camiño de Santiago en Hungría), unha diante dos seus máximos representantes e outra nun ateigado auditorio na capital húngara.
O impacto que causaron ambas conferencias entre o público húngaro foi tal que moitas persoas presentes xa indicaron a súa intención de viaxar este ano ou o próximo a Galicia para percorrer ambas rutas. De feito, a día de hoxe xa hai catro grupos de peregrinos de Hungría que se puxeron en contacto con Rózsa Benedek para organizar a súa peregrinación nos próximos meses.
Rózsa Benedek
Ex funcionaria do Ministerio de Interior de Hungría e unha das poucas policías que acadou o rango de coronel no seu país, Rózsa Benedek é unha gran afeccionada ao Camiño de Santiago dende que en 2013 vivira unha experiencia durante a súa primeira peregrinación que cambiou a súa vida e fixo que se asentase en Galicia, onde comezou rexentando un albergue en Muxía e agora organiza viaxes a grupos de húngaros que veñen peregrinar á nosa terra. Momento no que contactou co Camiño da Ría de Muros Noia.
Unha ruta recoñecida oficialmente polo Arcebispado de Santiago de Compostela que, tal e como lles trasladou aos seus compatriotas, “parece nova pero os peregrinos levan facéndoa dende hai séculos. Unha ruta curta pero moi variada, que sigue o percorrido das peregrinacións marítimas medievais”. Así, puxo en valor lugares como Noia, “o Portus Apostoli, rico en recordos materiais referidos aos peregrinos medievais”, e o Castro de Baroña, “que cae preto e con moitas historias e lendas”.
Volta de Gloria
Sobre “Volta de Gloria”, unha iniciativa impulsada pola Ría da Estrela e os concellos de Carnota, Cee, Dumbría e Muros en colaboración co GALP Costa Sostible, Rózsa Benedek destacou que é un roteiro que “che roubará o corazón: con paseos marítimos, montes, bosques, ambiente rural... onde atoparás igrexas, cruces de pedra, mananciais milagrosos, gravados rupestres, muíños de auga e mesmo unha fermosa fervenza”. O primeiro itinerario turístico, cultural e paisaxístico que une dous camiños xacobeos (o Camiño de Fisterra Muxía e o Camiño da Ría de Muros Noia), “Volta de Gloria” configura o primeiro percorrido circular con saída e meta en Santiago. Un itinerario que suma un total de 300 quilómetros e que se pode facer en 10 ou 15 días.
A “Volta de Gloria” discorre por impresionantes monumentos naturais, entre os que figuran dous dos montes máis míticos de Galicia: o Monte Pindo, coñecido como o “Olimpo Celta”, e o Monte Louro, que conforma un espectacular conxunto natural coa lagoa das Xalfas e a praia de Area Maior. Canda eles figuran moitos atractivos turísticos como a fervenza do Ézaro en Dumbría, a única de Europa que verte directamente ao mar; ou a praia máis longa de Galicia, emprazada en Carnota canda algúns dos hórreos máis grandes da comunidade.
Un percorrido entre Cee e Muros sinalizado grazas á financiación do GALP Costa Sostible e que é rico tamén en pegadas arqueolóxicas (petróglifos, mámoas, castros), paisaxes espectaculares e enclaves singulares, como a Caseta de Pepe do Cuco de Carnota, o primeiro museo automatizado de Galicia con acceso libre 24 horas ao día todos os días do ano que recolle a historia mariñeira do municipio. “Volta de Gloria” é un produto turístico que non é exclusivo para peregrinos, senón que está aberto a sendeiristas, ciclistas ou xente que faga o percorrido nas fins de semana.